Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, co gallo do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor 2016 (Versión galega)

diptico16_2
(Fragmento do díptico elaborado polas Bibliotecas Escolares de Galicia, con texto de Pedro Feijóo. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Para este 23 de abril do 2016, Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, declarado pola UNESCO en 1995, máis una vez atopei por ningures a versión galega da mensaxe da súa Directora Xeral, Irina Bokova. A páxina das Bibliotecas Escolares de Galicia encamiña a unha ligazón en castelán. E como fixen noutras efemérides anteriores polo seu indubidable interese reproduzo novamente nesta bitácora esa mensaxe, que na miña opinión resulta de lectura obrigada. A versión que publico é de elaboración propia e desculpade se houber algunha gralla.
Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor 2016
Non hai nada coma un libro.
Un libro é un vínculo entre o pasado e o futuro. É unha ponte entre xeracións e entre culturas. É unha forza para crear e partillar a sabedoría e o coñecemento.
Frank Kafka dixo unha vez: “Un libro debe ser un machado para romper os mares conxelados dentro da nosa alma”.
Fiestras á nosa vida interior, os libros son tamén a porta á comprensión e o respecto entre os pobos, alén das fronteiras e das diferenzas. En todas as súas formas, os libros encarnan a diversidade do enxeño humano, dándolle corpo á riqueza da experiencia humana, verbalizando a procura de sentido e de expresión que partillan todas as mulleres e todos os homes, que fai avanzar a todas as sociedades. Os libros contribúen a unir a humanidade como unha soa familia, partillando un pasado, unha historia e un patrimonio, para forxar un destino común onde todas as voces sexan escoitadas no gran coro das aspiracións humanas.
No Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, en colaboración coa Unión Internacional de Editores, a Federación Internacional de Libreiros e a Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas, isto é o que celebramos: o poder dos libros para fomentar a creatividade e promover o diálogo entre as mulleres e os homes de todas as culturas. Doulle as grazas a Wroclaw (Polonia), Capital Mundial do Libro 2016, polo seu compromiso coa difusión desta mensaxe en todo o mundo.
Isto nunca foi más importante, nun momento en que a cultura é obxecto de ataques, no que a liberdade de expresión está ameazada e no que a diversidade afronta un auxe da intolerancia. En tempos revoltos, os libros representan a capacidade humana de evocaren mundos reais e imaxinarios e expresalos en palabras de entendemento, diálogo e tolerancia. Son símbolos de esperanza e de diálogo que debemos valorar e defender.
William Shakespeare morreu o 23 de abril de 1616, só un día despois que Cervantes. Neste día, fago un chamamento a todos os asociados da UNESCO para partillar esta mensaxe: Os libros teñen o poder de contrarrestar o que Shakespeare chamou “a maldición común do xénero humano, a necidade e a ignorancia”.
Mensaxe de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO con ocasión do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor

Esta entrada foi publicada en Efemérides. Garda a ligazón permanente.