Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, co gallo do Día Mundial da Poesía, 2016 (Versión galega)

WilliamShakespeare
(Detalle de Geoff Tristram‘s new portrait of William Shakespeare. Photo: The Artist’s Print Room. Via The Telegraph. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Neste 21 de marzo do 2016, Día Mundial da Poesía, declarado pola UNESCO en 1999, tampouco atopei por ningures a versión galega da mensaxe da súa Directora Xeral, Irina Bokova. E como tamén fixen o ano pasado nesta anotación, polo seu indubidable interese reproduzo novamente nesta bitácora esa mensaxe (a versión que publico é de elaboración propia), que na miña opinión resulta de lectura obrigada. Os subliñados en negra son da miña autoría.
Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, co gallo do Día Mundial da Poesía
21 de marzo de 2016
Shakespeare, de quen se fan agora 400 anos da súa morte, escribiu na súa obra O soño dunha noite de verán que a imaxinación do poeta «vai dándolle corpo a obxectos descoñecidos, a súa pluma convérteos en formas e dálle á nada impalpable un nome e un espazo de existencia».
Ao lle rendermos homenaxe a aquelas e a aqueles para quen a palabra libre, fonte de imaxinación e de actuación, é o único instrumento, a UNESCO recoñece o valor da poesía como símbolo da creatividade da mente humana. Ao lle dar forma e palabras ao que aínda non ten nin unha cousa nin a outra (a beleza inexplicable que nos arrodea, os enormes sufrimentos e a miseria do mundo), a poesía contribúe á expansión da nosa humanidade común, e axuda a facela máis forte, máis solidaria e máis consciente de si propia.
As voces que transmiten a poesía contribúen a salientar a diversidade lingüística e a liberdade de expresión. Colaboran no esforzo mundial en favor da educación artística e a difusión da cultura. Ás veces, a primeira palabra dun poema é suficiente para recuperar a confianza perante a adversidade e atopar o camiño da esperanza fronte á barbarie. Na época da robotización a inmediatez extrema, a poesía tamén abre un espazo de liberdade e aventura inherente á dignidade humana. Cada cultura ten a súa arte poética, quer seax o arirang coreano, a pirekua mexicana, o hudhud dos Ifugao, o alardah saudí, o görogly turkmeno ou o aitys kirguís, e sérvese dela para transmitir coñecementos, valores socioculturais e unha memoria colectiva que afortalan o respeto mutuo, a cohesión social e a procura da paz.
Neste día quero renderlle homenaxe aos profesionais, comediantes, narradores e descoñecidos que están comprometidos coa poesía e a través dela, mediante recitais realizados na sombra e á luz dos proxectores, nos xardíns e nas rúas. Fago un chamamento a todos os Estados Miembros para que apoien este esforzo poético que ten a capacidade de unirnos, con independencia da orixe ou das crenzas, a través do máis profundo que ten a humanidade.
Irina Bokova

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Poesía. Garda a ligazón permanente.