Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, co gallo do Día Mundial da Poesía de 2018 (Versión galega)


Neste 21 de marzo do 2018, Día Mundial da Poesía, declarado pola UNESCO en 1999, tampouco atopei por ningures a versión galega da Mensaxe da súa nova Directora Xeral, Audrey Azoulay, que si podemos ler na variante portuguesa no sitio da Unesco-Brasil. E como tamén fixen noutros anos anteriores, polo seu indubidable interese reproduzo novamente nesta bitácora esa mensaxe (a versión que publico é de elaboración propia), que na miña opinión resulta de lectura obrigada. Os subliñados en negra son da miña autoría. Principia cuns versos de Langston Hughes, quen foi tradutor de Federico García Lorca.
Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, co gallo do Día Mundial da Poesía de 2018 (Versión galega)
Soños
Agárrese aos soños
Pois se os soños han morrer
A vida é un paxaro de ás quebradas
Que non pode voar.
Agárrese aos soños
Pois cando os soños se van
A vida é un campo estéril
Conxelado coa neve.
Langston Hughes
Eses versos do poeta Langston Hughes son un convite para un soño, unha fuga, unha liberación. A poesía é sen dúbida a mellor forma de expresar esa ansia, unha vez que ela toca no noso íntimo e permite todos os tipos de liberdade.
Ese poema é sobre o poder extraordinario das palabras que abren horizontes infinitos, melloran as nosas vidas, mudan a realidade, ao mesmo tempo que a embelecen e a mostran sobre unha nova luz, que nunca foi vista antes.
A poesía non é un xogo trivial de sons, palabras e imaxes: ela ten un poder creativo e transformador.
Poeta, escritor, dramaturgo e líder do Rexurdimento de Harlem na década de 1920, Langston Hughes puxo a súa arte ao servizo da loita contra a discriminación sufrida pola comunidade afro-americana. Así, a súa poesía é inseparable do seu compromisso cos dereitos civís e continúa a ser unha fonte de inspiración para todos os defensores das liberdades fundamentais en todo o mundo.
A poesía tamén é esa arte única que nos fai conscientes da extraordinaria diversidade humana: a diversidade de linguas e culturas. É un punto de encontro entre o individuo e o mundo. É unha introdución á diferenza, ao diálogo e á paz. É un testemuño da universalidade da condición humana máis alá das innumerables formas utilizadas para a describir.
Todos os anos desde 1999, a UNESCO ten comemorado o Día Mundial da Poesía o 21 de marzo. É unha ocasión para celebrar a riqueza do patrimonio cultural e lingüístico mundial. É tamén unha ocasión para chamar a atención para as formas tradicionais de poesía que corren o risco de desaparecer, como é o caso de moitas linguas minoritarias e pouco usadas. Para manter as tradicións vivas, a UNESCO incluíu varias formas poéticas no patrimonio inmaterial da humanidade: por exemplo, a arte poética do canto Ca Trù do Vietnam, Al’azi dos Emiratos Árabes Unidos, as cancións Baul do Bangladesh e o patrimonio oral de Gelede, compartido polas comunidades iorubás-nagôs que viven en Togo, en Benim e en Nixeria.
A poesía non se limita ao aspecto artístico: é tamén unha ferramenta para a educación formal e informal. Nese sentido, as artes e prácticas culturais fornecen un apoio efectivo para a aprendizaxe ao longo da vida. É por iso que a UNESCO estimula e apoia a educación artística, unha vez que ela fortalece o desenvolvemento intelectual, emocional e psicolóxico, formando xeracións que son máis equilibradas e capaces de reinventar o mundo.
Este día é tamén a ocasión para prestar homenaxe a todas as persoas que traen á vida esa importante arte: os poetas, por suposto, mais tamén os tradutores, editores e organizadores de lecturas e festivais de poesia. A UNESCO anima todos os Estados-membros a apoiar nas súas accións a todas aquelas persoas que traballan a cotío para que a poesía continúe a faceras nosas vidas máis ricas.
Finalmente, unha vez que a poesía é un acto de crear e compartir, a UNESCO convida a todas as persoas, neste Día Mundial, a crear, inventar, compartir, abrirse a outras linguas e outras formas de describir o mundo, e participar de todo o que é diferente na nosa diversidade. Pois cultivar a arte e cultivar a mente son accións que tamén significan cultivar a paz.
Audrey Azoulay

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Manifestos, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta