Memoria Literaria (XI): Lembranza persoal de Baldomero Cores Trasmonte

BaldomeroCores
(Baldomero Cores Trasmonte á beira da Fundación López Abente, en Muxía. Fotografía ©Xesús Búa. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Unha versión reducida deste texto publicouse no xornal La Voz de Galicia, edición de Carballo, en papel e no dixital o 10 de xaneiro de 2015, co título «Que a terra che sexa leve, vello amigo».
Éme difícil rescatar da memoria o momento exacto no que coñecín persoalmente a Baldomero Cores Trasmonte (Cee, 14 de outubro de 1929 – Compostela, 24 de decembro de 2014) mais desde logo tivo que ver co feito de ser tamén natural de Cee, do que fora nomeado Cronista Oficial e coordinara a Historia de Cee, vila onde adoitaba botar algúns días do verán, nomeadamente nas datas próximas á festividade da patroa, a Virxe da Xunqueira, e moitas veces cadramos nalgún dos actos da Semana Cultural que durante anos precedía aos días de xoldra.
Tempo despois, agás neste últimos anos que xa non saía da súa casa familiar, podia atoparme con Baldomero Cores nalgún dos seus paseos pola cidade vella compostelá e cando se producía o encontro, aínda que un tivese moita présa, había que deterse un bo anaco porque de natural era un infatigable conversador. Tamén coincidimos moito na libraría Couceiro e moito máis aínda na Hemeroteca da BibLioteca Xeral da USC, onde procuraba información para os seus artigos e eu desenvolvía o meu labor de investigador, primeiro para a Tese de Licenciatura e logo para a Tese de Doutoramento, e sempre tivo a ben agasallarme coa xenerosidade do seu coñecemento, pois aínda que a Galipedia o presenta como avogado, xornalista, sociólogo e escritor galego, tiña o compendio do saber propio dos homes da súa xeración, unha sabedoría enciclopédica, moita erudición e sen tanta partilla especializada como temos na actualidade, como tamén testemuña unha das últimas entrevistas a Baldomero Cores, realizada por Iván García Riobó no dixital da USC.
A súa desinteresada e xenerosa colaboración cos meus labores de investigación principiou cando publiquei a Antoloxía Poética de Gonzalo López Abente (Espiral Maior, 1995). Un día que nos atopamos faloume do seu coñecemento persoal do poeta muxián e de como publicara un artigo sobre a súa obra en La Noche. Confeseille que non coñecía o seu texto e prometeume rebuscar entre a súa documentación persoal para o localizar. Así foi, o seu ofrecemento non caeu no saco roto do esquecemento e algún tempo despois recibín unha carta coa fotocopia do artigo “La poesía y el mar” (29.09.1963), que incorporei a posteriores traballos.
En 1997 cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora Dolores Vilavedra. Naquela altura traballaba nas fichas do volume II. Publicacións periódicas (1997) e, a través do antropólogo muxián Manuel Vilar, co que tiña moito amizade, fíxome chegar copia dos exemplares que publicou a revista Nemancos en 1953, que promoveu e dirixiu. Velaquí a ficha que elaborei sobre esta publicación:
NEMANCOS
“Hacia el Finisterre” era o subtítulo desta publicación que toma a súa cabeceira do arciprestado de Nemancos que, naquela altura, abranguía os concellos de Fisterra, Cee, Corcubión, Camariñas, Muxía e parte de Vimianzo, xa que pouco tempo despois a Igrexa faría unha división eclesiástica deste amplo territorio en dous, Nemancos e Duio. Aínda que a revista representaba os intereses da devandita comarca, o certo é que tiña a administración en Santiago e era impresa en Betanzos. Estaba dirixida por Baldomero Cores Trasmonte nos seus anos de universitario. De feito, o enderezo da publicación correspondía co seu piso de estudante. Unicamente saíron tres números, aínda de que hai constancia de que estaba preparado o cuarto que nunca viu a luz. Os dous primeiros apareceron no ano 1953 e o terceiro e último en 1954. A revista desapareceu por mor das obrigas militares do seu director, desprazado a Ferrol para facer o servicio militar. Oscilaba entre as vintecatro e as vinteoito páxinas, con unha ou dúas para a publicidade. Nelas tiña unha serie de seccións de artigos de defensa local, rumor popular, páxina social, páxinas deportivas ou bibliografía da comarca, sempre co obxectivo de atender os intereses comarcais, para o que dispuña de correspondentes nas principais vilas e tamén en Bos Aires, que recollían as novas das sociedades de emigrantes da zona na capital arxentina. Estaba redactada maioritariamente en castelán, aínda que o galego tamén tiña unha certa presenza, nomeadamente nas páxinas poéticas. No tocante ás colaboracións literarias, mantiña unha sección fixa chamada “Página poética” na que se publican catro poemas en galego de Gonzalo López Abente, un texto de Xosé Fernández Ferreiro e dous de Consuelo Domínguez Rodríguez, que é cualificada como “nuestra rosaliana poetisa sexagenaria”, definición na que hai moito de esaxero. A prosa galega está representada por artigos de diferente temática, con traballo do propio López Abente, Salvador Lorenzana (pseudónimo de Fernández del riego), Ben-Cho-Shey, Otero Pedrayo e Ramón Costa Suárez, ademais doutros textos en castelán de Aquilino Iglesia Alvariño, Francisco Mayán Fernández e o propio director da revista. Deles, unicamente o artigo de Abente trata un tema literario, pois reproduce fragmentos do seu discurso de ingreso na RAG intitulado “A terra e a poesía de Pondal”. Finalmente, na sección reivindicativa “Rumor popular” reclámase, entre outras cousas, que se organicen uns xogos florais na comarca e que se lle faga unha homenaxe ós grandes poetas da zona, Labarte Pose e López Abente.
BIBLIOGRAFÍA
Vid. CC, GEG
Barreiro, X. R., “La revista de Cee”, La Voz de Galicia, 21-X-1995.
Na miña Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo (Edicións do Castro en 1998 , sinalo que este poeta muxián publicou na revista Alborada da ABC do Partido de Corcubión (Bos Aires) co pseudónimo de Nerio varias recensións literarias, entre elas as que se ocupan dos tres números da revista Nemancos, que dirixía Baldomero Cores.
No mesmo Dicionario da Literatura Galega, volume II. Publicacións periódicas (Galaxia, 1997) recóllese a participación do noso Baldomero Cores Trasmonte en Bendado (co artigo “O Día das Letras é o símbolo fundamental de Galicia”, O Correo Galego, El Correo Gallego, El Eco de las Mariñas, Escritos, Fin de Semana, Galicia Viva, El Ideal Gallego, Luzes de Galiza, Outeiro, Pontevedra e Seiva, nunha relación pouco exhaustiva do seu incansable labor divulgador.
De feito, non se cita o seu magnífico artigo “La poesía y el mar”, que viu a luz en La Noche, Santiago de Compostela (29.09.1963) e que figura na bibliografía da miña Tese de Doutoramento defendida en 2008, A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e Estudo, que é de acceso libre na rede en varios lugares, como no repositorio poesiagalega.org. Nun parágrafo cita os autores que refliten nos seus versos a Costa da Morte:
«La Costa de la Muerte, que tiene poca novelística, posee, en cambio, una gran aportación poética. Pondal nos da una versión muy sugerente del mar en la parte septentrional de la Costa de la Muerte. Antón García Zapata [sic], un poco más abajo, también insiste en lo mismo, pero con un sentido marinero más amplio, por lo que convendría reconocer con mucho cuidado la presencia de este magnífico y sutil poeta. Y ya en pleno corazón de la Costa de la Muerte, entre Vilán y Finisterre, está López Abente, el mejor cantor del mar gallego».
Sit tibi terra levis, Que a Terra che sexa leve, vello amigo Baldomero Cores Trasmonte, desde o agradecemento e a memoria.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Ensaio, Entrevistas, Epistolarios, Estudos literarios, Memoria Literaria, Narrativa, Poesía, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Memoria Literaria (XI): Lembranza persoal de Baldomero Cores Trasmonte

  1. Pingback: Piden que o Colexio público de Cee leve o nome do finado Baldomero Cores

Os comentarios están pechados.