Memoria Literaria (VI): Aqueles -marabillosos- anos con Fran Alonso


(Fran Alonso e eu propio. Recital poético en Tui, 1990. Arquivo persoal de Fran)
Continúa o crítico e profesor Armando Requeixo coa súa foleana sección de entrevistas denominada «Parlamento das Letras», inserida dentro do seu blogue Criticalia e onde a miña obra tamén foi protagonista, como xa se contou nesta anotación.
A última entrega da serie é unha conversa con Fran Alonso, coma sempre acompañada de reproducións das portadas dalgúns dos seus libros e de fotografías do autor. A totalidade da entrevista pódese ler nesta ligazón, porén reproduzo deseguida unha das respostas, pois nela que Fran Alonso fala dos seus inicios na literatura e dos anos nos que cadrou coñecérmonos, así como daquel proxecto común, as Edicións do Dragón, que partillamos con Paco Souto e mesmo protagonizamos como autores, con poemas nosos, o segundo cartafol, intitulado A rota dos baleeiros, e os poemas manuscritos ían acompañados da reproducións de fotografías dos estouridos do Cason, embarcación embarrancada meses antes nas costas de Fisterra.
Velaquí a resposta:
Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?
Os meus primeiros textos publicáronse en revistas culturais ou fanzines. A partir de 1985 publiquei poemas en revistas como As follas de Sísifo (que editaba o Café Uf en Vigo) ou Congostra (1988), que editou a Asociación Cultural Zeca Afonso. En As follas de Sísifo incluíse por primeira vez un texto meu cando gañei o terceiro premio Sísifo de Poesía, que convocaba o propio café (que eu saiba, o único que sobrevive daquela época no Vigo de hoxe); ao ano seguinte gañei o segundo. O longo poema que dei á luz en 1985 pertencía a un libro inédito que, afortunadamente, nunca se chegou a publicar, pois era un libro de aprendizaxe.
Daquela, Xosé Ballesteros, Celia Durán, Xela Arias e mais eu, e algunha outra persoa que non lembro, formamos un grupo en Vigo para escribir unha novela colectiva, pero ao final o proxecto quedou atrancado. Eu chegara a escribir un capítulo. Tamén naqueles anos (1987) algúns estudantes organizámonos arredor dun recital poético na Casa da Cultura de Vigo, recital que xa ten relatado Marta Dacosta. Logo, en Compostela, publiquei e colaborei na revista Ólisbos, que se facía na Facultade de Filoloxía, con narrativa e poesía, e participei en diversos recitais que me conduciron á carpeta poética de carácter colectivo Ao mar de adentro e ás Edicións do Dragón, que levabamos Paco Souto, Miro Villar e mais eu (aínda que Paco Souto foi con diferenza a alma mater do proxecto e a persoa que máis creu e traballou a favor del). No 89 un poema meu tamén resultou premiado no concurso O Facho e editouse nun volume recompilatorio (1978-1989 ) de Ediciós do Castro.
Os meus primeiros artigos e reportaxes publiqueinos grazas ao interese do desaparecido xornalista Segundo Mariño, que dirixía Radiocadena Española cando eu realizaba os meus primeiros malabarismos literarios.
Máis tarde, chegou o meu primeiro libro individual, que foi a novela Tráiler, publicada en 1991 ao gañar o Premio Blanco Amor, cando eu xa pertencía á redacción do Diario 16 de Galicia. Como escritor, deime a coñecer na década dos 90.

Esta entrada foi publicada en Entrevistas, Memoria Literaria, Narrativa, Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.