Memoria Literaria (IV): No Simposio Pondaliano (2002)


(De esquerda a dereita: eu; Tucho Calvo -na altura responsable de Cultura en La Voz de Galicia-; Xosé Luís Fondo Aguiar, alcalde da Ponte-Ceso e Xosé Manuel Varela Varela. Foto de J. M. Casal)
Chega fiel á súa cita anual de outubro o Simposio Pondaliano, unha iniciativa cultural que naceu coa vontade da A. C. Monte Branco de O Couto (Ponte-Ceso) e que hoxe artella a Fundación Eduardo Pondal. Son xa 25 anos de andaina e o programa desta XV edición pode seguirse nos dixitais compásdacosta e quepasanacosta.
Tivemos presenza en varias ocasións durante estes anos nas xornadas como testemuña a exposición “O Simposio Pondaliano a través dos 25 anos de La Voz de Galicia (Carballo)”, cuxa inauguración se fixo esta mesma tarde.
A esta exposición corresponde a fotografía de José Manuel Casal que recolle a presentación da edición de Queixumes dos pinos que foi publicada pola Biblioteca 120 de La Voz de Galicia. O acto tivo lugar o 22 de outubro do 2002. Daquela, na miña intervención dei a coñecer unha sondaxe realizada entre estudantes da que se tiraban datos significativos sobre o descoñecemento que aínda existía sobre Eduardo Pondal e sobre a súa obra, malia figurar nos programas do ensino obrigatorio de literatura galega. Aqueles datos servían para saudar a reedición en formato popular e asequible a todos os petos do título máis emblemático do bardo pontecesán, á que se habían referir Tucho Calvo e o filólogo Xosé Manuel Varela Varela.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Exposicións, Fotografía, Memoria Literaria, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.