Memoria Literaria (IX): Dez anos sen a voz musical de Luísa Villalta





(Premer dúas veces nas imaxes para agrandar o tamaño e facilitar a lectura)
Días atrás fíxose o décimo aniversario do pasamento da escritora Luísa Villalta, que nos deixou o 6 de marzo do 2004 con tan só 47 anos, por mor dunha meninxite, doenza traidora aínda nestes tempos. Lembro a conmoción que me produciu a mala nova, pois tivemos oportunidade de coincidir en varias lecturas públicas, en encontros culturais de diversa xorne ou en mobilizacións cidadás diversas (como as da Plataforma Nunca Máis), malia facer parte do círculo do que poderiamos denominar «poetas coruñeses».
Non lembrou con exactitude a derradeira vez que cadramos, pois o malfado fixo que eu non puidese estar no lanzamento da antoloxía poética Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina, editada pola fundación Araguaney, onde fpi presentada en Compostela poucos días antes da súa morte.
Antes de a coñecer persoalmente e de a escoitar nos seus inesquecibles recitados, xa tiña eu fascinio pola súa obra poética. De feito a súa opera prima, Música reservada (Edicións do Castro, 1991), no que poetizaba outra das súas paixóns como excelente violinista que era, foi obxecto dunha recensión miña no desaparecido semanario A Nosa Terra (520, 30 de abril de 1992), e que reelaborei para publicar como homenaxe na Festa da Palabra Silenciada, 19 (2004), da que proveñen as imaxes que ilustran esta anotación. Un documento que non podo ofrecer noutro formato porque estaba arquivado nun computador estragado. Porén pode ser descargado aínda nesta ligazón do Álbum de Mulleres elaborado polo portal culturagalega.org, onde tamén se pode ler esta biobibliografía.
Entre os textos, non moitos abofé, que lembraron este décimo aniversario, quero salientar esta fermosa anotación de Francisco «Chisco» Fernández Naval na súa bitácora A noite branca, este “Carta de Luísa Villalta” de Marica Campo no xornal El Progreso ou estoutro artigo de Carme Vidal na edición dixital de Sermos Galiza, así como o microespazo que se lle adicou no Diario Cultural da Radio Galega, que dirixe a poeta Ana Romaní, e onde recuperan a súa propia voz na lectura musical dos seus versos, con magníficos testemuños dos poetas que máis a trataron: Xosé María Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Fernán-Vello, mais tamén de Estibáliz Espinosa ou da crítica María Xesús Nogueira.
E finalmente deixo deseguida este documentario, un video biográfico realizado por Gallaecia Filmes, produtora audiovisual do IES Isaac Díaz Pardo (Sada) do que era profesora de Lingua e Literatura.

Esta entrada foi publicada en Memoria Literaria, Música, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.