Memoria Literaria (II): Con Manuel María na presentación da Antoloxía poética de Gonzalo López Abente, en Muxía (1995)



(De esquerda a dereita, Bautista Pose Paz, daquela (1995) alcalde nacionalista en Muxía; eu propio; Manuel María e Miguel Anxo Fernán-Vello, editor de Espiral Maior. Fotografías de Manuel Vilar Álvarez. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Cadrando co sábado da romaría muxiá da Virxe da Barca conmemórase o oitavo cabodano do poeta chairego Manuel María, quen nos deixou o 8 de setembro de 2004 na cidade da Coruña. E despois dunha homenaxe do pobo nun velorio no compostelán Panteón de Galegos Ilustres de Bonaval, o seu corpo foi soterrado en Outeiro de Rei. E aló, coma estes últimos anos, a Irmandade Manuel María e a A. C. Xermolos de Guitiriz celebran unha xornada de actos na súa memoria este sábado, 8 de setembro.
Ao fío desta conmemoración traio a esta bitácora a primeira vez que partillei un acto público con Manuel María, malia termos coincidido xa algunhas veces con anterioridade e moitas máis con posterioridade, mesmo fóra do noso País nunhas Xornadas Das Letras Galegas en Lisboa (que organizara en 1998 o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades-CIRP). Porén, esa primeira coincidencia foi en Muxía para presentarmos a miña edición literaria dunha Antoloxía poética (Espiral Maior, 1995) de Gonzalo López Abente. Non lembro con exactitude a data nin atopei anotacións da xornada no meu arquivo persoal, mais foi en 1995 e debeu ser nalgún día do mes de maio, para celebrarmos as Letras Galegas.
A devandita Antoloxía nacera por iniciativa do amigo antropólogo muxián Manuel Vilar Álvarez e publicouse nun convenio entre a editorial Espiral Maior, que dirixe aínda hoxe o poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, e a alcaldía do concello de Muxía, daquela en mans do nacionalista Bautista Pose Paz, quen fora expulsado das fileiras do BNG por aceptar no seu nomeamento votos do Partido Popular.
O poeta chairego sempre tivo moito aprezo pola poesía de Gonzalo López Abente. Nesta bitácora xa demos testemuño do artigo ou necrolóxica que Manuel María publicou no diario lugués El Progreso (10 de agosto do 1963) con este encabezamento: Recuerdo al Patriarca de la Poesía Gallega. Noticia de Gonzalo López Abente.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.