María Xosé Queizán, Premio Voz de Liberdade 2011 do Pen Clube de Galicia


(Premer na imaxe para unha mellor lectura)
Onte fíxose público que o Pen Clube de Galicia (do que fago parte) acaba de concederlle a María Xosé Queizán o Premio Voz de Liberdade 2011. Velaquí o texto co ditame:
«O xurado cualificador do Premio “Voz de Liberdade” 2011, outorgado polo Centro PEN de Galicia e de carácter bienal, integrado por Luís González Tosar, Miro Villar, Inma López Silva, Marilar Aleixandre, Manuel Outeiriño, Román Raña e Manuel Guede, decidiu conceder este galardón, na súa quinta edición, por unanimidade, á escritora viguesa María Xosé Queizán. Entre outros méritos, o xurado considerou, “a súa traxectoria independente e firme, tanto na defensa da liberdade de expresión coma na dos dereitos das mulleres desde a década dos sesenta ata a actualidade. María Xosé Queizán, cunha obra de referencia na narrativa, na poesía, no ensaio e no teatro, destaca tamén polo seu labor de tradutora e por manter, ao longo de 28 anos, a revista Festa da palabra silenciada, verdadeira voz da escrita feminina e exemplo de pluralidade e proxección exterior da literatura galega”.
O xurado tamén fai constar que María Xosé Queizán impulsou, xunto con outros 22 escritores e escritoras, o primeiro intento de creación do PEN Clube de Galicia, asistindo á asemblea constitutiva celebrada en Santiago o 7 de abril de 1977 e suscribindo a incorporación ao PEN Internacional. Este importante recoñecemento da sección galega da organización mundial de escritores (o PEN Internacional é órgano consultivo clase A para temas culturais da ONU e da UNESCO), recaeu anteriormente en Bernardino Graña, Úrsula Heinze, Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo e, na última edición (2009), correspondeulle a Marcos Valcárcel.
A entrega do “Voz de Liberdade” 2011, unha peza escultórica da autoría do ourensán Xosé Cid, terá lugar no transcurso dunha actividade literaria aberta, na que a glosa da homenaxeada correrá a cargo da Catedrática de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Vigo, Prof. Mª Camiño Noia Campos. O acto terá lugar o sábado 26 de novembro, ás 12:00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Social Novacaixagalicia, Praza de Cervantes, Santiago de Compostela».
Velaquí un dos seus máis significativos poemas:
Subversión
Escribo para darlle a volta ao mundo.
Deixo a terra donde está
─ non vaia alterar o teu corpo
e o equilibrio das nosas olladas─
Quero a terra a ras de terra
coma nós
e o meu país de pedras
asentadas no meu centro
coma ti.
E as augas que lamben as pedras
¡mamas pracenteiras!
e mollan a terra
¡esponxada vulva!
Escribo para alterar a orde celeste
que nos obriga a vagar
incertas, leves,
para o abismo.
Escribo para negar o ceo.
Sibilina
exclúo do ceo aos astros e ás estrelas.
Son pedras obstinadas
materia
madres que nos devolven as miradas
nas noites enamoradas.
Escribo para negar a morte
en vida.
Escribo para vivírmonos.
María Xosé Queizán

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Lingua, Manifestos, Narrativa, Poesía, Premios, Teatro. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a María Xosé Queizán, Premio Voz de Liberdade 2011 do Pen Clube de Galicia

  1. Pingback: As crebas » En defensa dos postos de traballo en Preescolar na casa. Manifesto de apoio

  2. Pingback: As crebas » María Xosé Queizán, a nosa «Voz de liberdade, 2011″

Os comentarios están pechados.