Marcos Valcárcel (1958-2010), nome sobranceiro para o IES A Carballeira (Ourense)


(Retrato de Marcos Valcárcel, da autoría de Antón Pulido para a capa do volume colectivo O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos, Difusora de Letras, Artes e Ideas, Ourense: 2009. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Sei que Marcos Valcárcel (1958-2010), de estar aínda hoxe connosco, estaría feliz e moi satisfeito de que o seu último lugar de traballo coma docente e no que foi profesor durante máis de vinte e cinco anos, o IES A Carballeira, de Ourense, vai levar de agora en diante o seu nome, coa aprobación da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta merecida homenaxe postreira ao historiador e intelectual ourensán (de cuxo cabodano falamos aquí) engádese a moitas outras como a Medalla Castelao 2009 ou o Premio Otero Pedrayo 2009.
De maneira moito máis humilde quero lembrar que o seu blogue As uvas na solaina foi un dos alicerces que inspirou o nacemento desta bitácora como recoñecín publicamente na recente Cea das Letras da AELG. Hoxe tamén vou lembrar a derradeira comunicación epistolar que mantivemos, logo de eu lle mandar unha serie de datos sobre a histórica coral ourensá De Ruada nos escritos do poeta Antón Zapata García, a quen consagrei a miña Tese de Doutoramento, petición que me fixera nun dos últimos actos nos que coincidimos antes de que a doenza tollese o seu activismo e a súa mobilidade.
De resultas dese acto compartido en Fisterra, na homenaxe ao alcalde republicano Cipriano Fernández, escribiu unha anotación na súa columna «Andoliña» na derradeira páxina do xornal Galicia Hoxe, cando aínda existía en papel. Publicouse o martes, 3 de abril do 2007, e Marcos enviounos aos seus amigos “fisterráns”, coma nos chamaba, o texto que agora reproduzo, que se pode ler tamén na ligazón do xornal.
ANDOLIÑA martes 3 abril
MEMORIA HISTÓRICA EN FISTERRA
Marcos Valcárcel
Estiven esta fin de semana en Fisterra participando nunhas xornadas dedicadas a Cipriano Fernández, alcalde da vila fisterrá durante case toda a Segunda República e militante de Izquierda Republicana, que ten o dubidoso honor de ser o único alcalde da Costa da Morte “paseado” naquela hora. Quizais non só por motivos políticos, senón tamén por vinganza persoal: de todo houbo naquel estoupido da barbarie. Falei alí do xigantesco esplendor cultural da Galicia de 1900 a 1936 en todos os campos: da literatura ás artes plásticas, da música ó teatro, do cine ó pensamento, da loita pola lingua ó labor cotián na emigración, arela consciente de construír un país.
Este encontro coa historia é útil, necesario e inevitable. En Fisterra estaban Luís Lamela, o mellor coñecedor da represión naquela comarca, e os amigos poetas Miro Villar, Alexandre Nerium e Modesto Fraga, que foi quen me convidou. Por alí andaban tamén concelleiros do PP e do BNG. Pero sorprendeu a ausencia dos edís socialistas: corría o ruxe-ruxe dunha consigna do PSOE local para boicotear o acto. Por un motivo, por certo, ben pueril: a presenza na inauguración do alcalde do PP, que goberna o concello que patrocina o propio encontro.

Esta entrada foi publicada en Arte, Epistolarios, Estudos literarios, Historia, Xornadas, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.