Marcha polo Parque Natural do Monte Pindo


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Estarei, estaremos dentro de dez días na primeira Marcha polo Parque Natural do Monte Pindo para que “arda” de berros reivindicativos, para facermos República en data tan sinalada. Velaquí o convite dos organizadores:
A Asociación Monte Pindo convoca unha manifestación nacional a prol do Parque Natural do Monte Pindo, que terá lugar o sábado 14 de abril, con saída ás 12:00 horas da área recreativa do Ézaro ás 12:00 e chegada media hora despois á Praza da Solaina, onde leremos un manifesto. Logo, ofreceremos churrasco, polbo á feira e carne ao caldeiro a prezos populares.
Agardamos que a marcha sirva para amosarlle á Xunta o multitudinario respaldo con
que a iniciativa conta en toda a sociedade. Asiste e comparte!
Ver percorrido: http://goo.gl/a5g7k
Máis info: http://www.montepindo.org/
Alén diso, Francisco “Chisco” Fernández Naval e eu propio estamos a preparar unha antoloxía de poemas para o Monte Pindo, éditos e inéditos, dos que é boa mostra este texto de Marilar Aleixandre, escrito despois da vaga de voraces incendios que sufriu o monte na pasada década e que se publicou no seu libro Mudanzas (Pen Clube/Caixanova, Editorial Danú, 2007)
arde o Pindo
arden selvas e montes
arde o Cáucaso, o Osa e o Pindo
Metamorfoses, II, 224-225
nos días en que a cinza encontrou o limiar
da nosa lingua
os enxames de lagostas fuxiron
ao son da pandeirada de Nebra
as ás do deforme anxo de lume
bateron no Pindo
ardeu a pedra incombustíbel
escaravella a toupa de fogo
os seus túneles por baixo das árbores
plantadas pola man de meu pai
el volve morrer con cada árbore derrubada
eis a gadoupa do anxo esgazando a paisaxe
asinando nas mans, nas gorxas
nas casas onde non achou
as marcas do sangue
as fontes esqueceron os camiños
fundiuse o ouro do Sil
as sete bocas do Xallas ficaron baleiras
a auga subiu fervenza arriba
enguruñouse o Mar de Fóra
os peixes van escorrentados cara ás foxas abisais
os arroaces non ousan chimpar fronte a Rostro
as luras verten bagullas de tinta
e os homes
os homes aínda xordos
ao que berra a voces
o monte queimado
Marilar Aleixandre (Mudanzas, 2007)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Manifestos, Poesía. Garda a ligazón permanente.