«Máquinas pra coser d'a compañía fabril Singer»

singer
Un interesante artigo no diario dixital Galicia confidencial lembra que nestes días a publicidade en lingua galega vén de facer 140 anos, xa que o 5 de novembro de 1876 publicouse no semanario O Tío Marcos d’a Portela o primeiro anuncio na nosa lingua que daquela ofertaba «Máquinas pra coser d’a compañía fabril Singer».
E a publicidade debeu ter moito suceso nos anos posteriores porque as máquinas de coser Singer foron moi habituais nos fogares galegos. Tamén houbo unha Singer na casa de miña finada nai e a súa presenza no fogar materno inspirou uns versos cando escribín o poemario As crebas (Espiral Maior, 2011), onde incluín unha referencia a aquela máquina de coser no texto 26 intitulado «Misión pedagóxica». Velaquí:
Misión pedagóxica
A misión pedagóxica, e non se fala agora de Machado, de Lorca, de María Zambrano ou de Miguel Hernández, só pretende o reflexo no espello dunha nai que aleitou con tenrura a túa fame de ollos pechados no alimento, esa nai que aprendeu das raíces os nomes que designan as plantas para que fosen teus.
E cando ti regresas sabes que espera o tacto e a revelación fértil de exóticas raíces que traen outros nomes aprendidos nos libros que lle foron negados.
Os seus dedos mirrados tiñan como destino enfiar as agullas nunha máquina Singer e coser para fóra.
Con razón o teu tacto cose as súas feridas.

Esta entrada foi publicada en Historia, Poesía, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.