Un traballo de investigación realizado no ensino público, no CEIP Eugenio López (con este nome dun sobranceiro franquista aínda a lixar a nosa memoria colectiva) do meu concello natal de Cee, vén de divulgar un Mapa interactivo coas Fontes e Lavadoiros do Concello de Cee. Entre eles está o lugar no que tantas veces lavou no río a nosa finada nai Teresa González López (“Sita”). Foron innumerables as veces que a acompañamos sen sermos demasiado conscientes na nosa nenez do duro labor que realizaba naquelas augas, nomeadamente no duro inverno.
Na imaxe que reproduzo, tirada do traballo do mestre Jacobo Trillo e do seu alumnado de 5ºB da Primaria, a quen parabenizamos, está un lavadoiro que se construíu con posterioridade, porque ben diferente é a nosa imaxe da infancia a xogar a apañar cabaliños do demo ou co noso can mentres Sita lavaba as sabas ou as nosas roupas axeonllada nunhas pedras a carón do curso do río (moitas veces coa miña irmá Tere, que seica era cousa de mulleres naquela altura!), unhas laxes lembradas na explicación que acompaña o mapa e que reproduzo deseguida. Engadirei antes que nesa imaxe aérea tamén se pode ollar a nosa casa natal, hoxe en ruínas, á dereita, a carón do viveiro de plantas da familia Priegue e á beira do que hoxe se chama Avenida de Fisterra e que cando era neno recibía o nome castelanizado de “Carretera” ou “Carretera da Coruña”, pois daquela a vila de Cee remataba xusto antes da nosa casa onde estaba o sinal de Cee, mais a expansión urbanística fixo que hoxe esa zona sexa prolongación do cercano centro urbano.
nome:
Lavadoiro da Granxa.
Descrición:
Este lavadoiro encóntrase no lugar da A Granxa, ao carón do Rego das Laxes, do cal se recolle a auga. Este río baixa desde o monte de Toba ata a ría de Cee.
Antigamente, moi preto deste lavadoiro, había unhas pedras colocadas na marxe do río para lavar directamente no mesmo. Co paso dos anos construíuse este lavadoiro para dar máis comodidade aos veciños.
(Habería que escribir “ás veciñas”, porque nunca lembro eu ningún home a lavar a roupa, sempre mulleres, moitas veces a miña nai Sita ela soa e outras veces na compaña dalgunha veciña).
E velaquí a ligazón ao vídeo deste espazo, porque cada fonte ou lavadoiro é explicado por unha alumna ou alumno.
Coñecín esta nova a través do dixital Que Pasa Na Costa, onde leva a seguinte entrada:
Impresionante o Mapa interactivo coas Fontes e Lavadoiros do Concello de Cee que vén de facer o alumnado do de 5º B de Educación Primaria do CEIP Eugenio López. Da man do seu mestre Jacobo Trillo, están completando un verdadeiro proceso de posta en valor dun patrimonio tan singular como as fontes e lavadoiros públicos.
“É un traballo moi laborioso onde unimos texto e vídeo, e creamos un mapa xeolocalizando as fontes e lavadoiros para poder visitalas”, explícanos un Trillo absolutamente volcado con este proxecto, que ademais de invitar á rapazada a traballar cas novas tecnoloxías, failles ver a importancia do noso patrimonio arquitectónico, natural e etnográfico.
Ata 45 puntos teñen xeolocalizados no mapa, cada un con cadansúa descrición histórica, e cadanseu vídeo explicativo, no que é un dos alumnos o “presentador”. Todo, froito ademais dunha ardua investigación.