Manifesto transcultural, do profesor Armando Gnisci


Xa está na rúa o número 86 da revista A Trabe de Ouro, Publicación galega de pensamento crítico, que dirixe Xosé Luís Méndez Ferrín e que edita Sotelo Blanco. Esta nova entrega, correspondente ao segundo trimestre do 2011, céntrase na reflexión sobre o comunismo. “Maio do 68 revisitado, corenta anos despois”, por Alain Badiou, ou “Anotacións para unha definición da cultura comunista”, por Slavoj Zizek, son algúns dos pensadores máis salientables que participan neste número 86. Alén disto, “Brais Pinto como autoaprendizaxe”, asinado por Herminio Barreiro (que xa non está entre nós), “O arquivo oral do Instituto da Lingua Galega” por Francisco Fernández Rei e “O Instituto da Lingua Galega hai 40 anos” por Antón Santamarina, son outros temas que se abeiran na revista. Onda estes textos publícase tamén o Manifesto transcultural (en versión galega da miña autoría) elaborado polo profesor Armando Gnisci e asinado por ducias de intelectuais europeos, como se pode ollar na páxina persoal do intelectual italiano. Coñecín a Armando Gnisci (professore di Letterature comparate nel Dipartimento di Italianistica e Spettacolo della Facoltà di Lettere e Filosofia dell’Università “La Sapienza” di Roma) cando recibín o Premio Tívoli-Europa en 1997, por Abecedario da desolación, e fixemos amizade, pois é unha magnífica persoa e un insubornable intelectual de esquerdas (lembro un retrato do subcomandante Marcos no seu despacho da Universidade) e incluso daquela puiden participar como relator nunha das súas aulas universitarias. Por todo isto para min foi un inmenso pracer versionar este Manifesto transcultural que remata con estas palabras:
«A Transculturación é un camiño para recoñecermos e comprendermos ben (à propos, dicía Montaigne) os fenómenos migratorios e sociais do noso tempo, e para propormos e construírmos novos estatutos de benestar individual e comunitario. Coas prácticas da “convivencia na sa humanidade” e da “coevolución creativa”, temos a intención de investigar e experimentar unha revisión da organización e a consistencia dos saberes, dos camiños formativos da escola e das prácticas comunitarias, da creatividade compartida. Se agora non, ¿cando? escribía Primo Levi, unha das testemuñas das vítimas da demente inhumanidade europea».
Con anterioridade unha primeira versión deste mesmo texto xa se adiantou no portal altermundo.org e pódese completo ler nesta ligazón.

Esta entrada foi publicada en Historia, Manifestos. Garda a ligazón permanente.