(Cartón de convite. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Mañá, venres, 22 de xuño, despois de pasarmos o solsticio de verán, estarei convidado (e non precisamente de pedra) a ler poemas sobre o mar na inauguración da exposición pictórica «Miradas mariñas» do amigo artista Nolo Suárez. Ha ser na coruñesa Galería Arte-Imagen (Rúa Ramón y Cajal, 5-baixo), onde os cadros desta serie xa están expostos desde o pasado 2 de xuño e até o 4 de xullo. Ás oito da tardiña, alén das palabras do artista, vaise celebrar un recital denominado «Navegacións poéticas» na propia galería, coa temática do mar en xeral. E estes dous poderían ser os poemas que eu escolla para ler e que fan parte do meu último poemario As crebas (Espiral Maior, 2011).
O MAR (I)
Un mar, creedme, necesito un mar,
un mar donde llorar a mares
y que nadie lo note.
«Testigo de excepción», Ítaca (1972),
FRANCISCA AGUIRRE
No mar de Caldebarcos atopaches o mar que ti
necesitabas e os abrazos das vagas que rompían nos
baixos chegaron até as dunas e interromperon páxinas
nos estáticos ollos onde se detivera a lectura do tempo, e
as vagas penetraron oportunas no libro para levaren
Coetzee na resaca da tarde e deixaren o sal nos tellados
das casas, construcións mariñeiras con solainas de area e
argazos nas varandas dos balcóns e nas portas.
No mar de Caldebarcos atopaches o mar e fostes de mans
dadas nun paseo de días que trouxeron a calma mais non
o esquecemento, porque o sal é perenne como o son as
mareas.
O MAR (II)
En la noche fui hasta el mar para pedir socorro
y el mar me respondió socorro.
«Triste fiera», Ítaca (1972),
FRANCISCA AGUIRRE
E fuches deica o mar para pedir socorro como as voces
do náufrago que oe a costa da morte, como aqueles
lamentos onda a punta do Boi, cemiterio de ingleses que
olla areal de Trece.
E o mar trouxo buguinas con mensaxes cifradas, de
afastados lugares no horizontal das terras, de paisaxes
oblicuas na vertical do tempo, que o teu coñecemento
non puido transcribir.
Viñan das errabundas fantasmas do pasado que cargaban
a culpa nos seus lombos fenicios.
Quixeches o comercio da túa dor atlántica coa luz
mediterránea mais todo era sonámbulo desacorde dos
soños, porque do mar quedaron tan só sabas de area do
deserto de Siria.
Pingback: As crebas » «Navegacións poéticas» para a pintura de Nolo Suárez