Lola Lorente, que ilustrou O nariz de Fiz, premio «Autor Revelación» do Saló del Cómic de Barcelona 2012


Onte rematou o XXX Saló del Còmic de Barcelona, que deu a coñecer os seus premios. O dixital culturagalega.org salienta que dous deles viñeron para a nosa terra, malia estaren editados en castelán e en editoriais foráneas, o que fala moito da debilidade editorial da nosa banda deseñada, aínda contando con algúns proxectos que se están a desenvolver nos últimos tempos, coma El Patito Editorial.
O ilustrador José Domingo, con Aventuras de un oficinista japonés (Bang! Ediciones, 2011) obtivo o galardón á mellor obra de autor español e un premio en metálico de dez mil euros polo seu traballo.
E a ilustradora alacantina Lola Lorente (Bigastro, 1980), afincada desde hai anos na Coruña, foi premio «Autor Revelación» pola súa obra Sangre de mi sangre (Astiberri, 2011) e tres mil euros.
A miña creación literaria pode gozar do talento desta última, pois a novela infantil O nariz de Fiz foi ilustrada por Lola Lorente, despois de recibir en 2008 o V Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, que convoca anualmente a Deputación de Ourense. Primeiro faise o fallo do certame narrativo e logo a entidade convoca outro concurso de ilustración na que as ilustradoras e os ilustradores coñecen o texto gañador para presentaren os seus debuxos, cos que logo se realiza a edición. Unha parte do excelente traballo de Lola Lorente para o miña novela infantil pode ollarse no seu propio blogue e tamén na súa páxina persoal. E aquí deixo unha mostra, canda os meus parabéns por este novo éxito no seu labor creativo.
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada, Infantil, Narrativa, Premios. Garda a ligazón permanente.