Literatura e compromiso: poetas da Costa da Morte na lea electoral

AvilésdeTaramancos
(Antón Avilés de Taramancos na súa época de concelleiro en Noia)
A prensa estatal, e no ronsel dela tamén boa parte da galega, semella abraiarse coa presenza do poeta granadino Luís García Montero á cabeza da candidatura de Izquierda Unida nas vindeiras eleccións á comunidade de Madrid, salientando que se dan a man na súa persoa literatura e compromiso.
Na historia da nosa propia literatura temos exemplos ben coñecidos que trascenderon do simple apoio a un proxecto político á participación plena nas candidaturas electorais, poñamos por caso a autores que chegaron a deputados nas Cortes do Estado, como Antón Vilar Ponte, Ramón Otero Pedrayo ou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
E dentro da política local, o ámbito que arestora nos ocupa, quixera lembrar varios nomes:
O poeta e xornalista Johán Carballeira (pseudónimo de José Francisco Gomez de la Cueva) foi nomeado alcalde de Bueu en marzo de 1936, cando a vitoria da Frente Popular conlevou a disolución dos concellos. A súa breve estadía no cargo e a súa militancia no Partido Galeguista ocasionaron que fose executado polos franquistas o 17 de abril de 1937, despois dun consello de guerra e de estar preso até daquela na illa de San Simón.
O dramaturgo Xaime Quintanilla foi alcalde do Ferrol desde 1931, elixido por unha coalición entre o seu partido, PSOE, e o Partido Republicano radical). Foi destituído polas Dereitas en outubro de 1934 e retornou como concelleiro tamén en marzo de 1936. Co golpe de estado fascista foi fusilado o 18 de agosto de 1936.
O editor Ánxel Casal, militante do Partido Galeguista, foi alcalde de Compostela na xestora que presidiu a corporación entre febreiro e xullo de 1936. O seu destino tamén foi tráxico, sendo paseado en Cacheiras o 19 de agosto de 1936.
Da época contemporánea, despois do franquismo, tamén quixera salientar outros exemplos do binomio literatura e compromiso na política local, pois na nacional e na estatal aínda se podería nomear a moitos máis autores e autoras, aínda que mulleres moitas menos. En primeiro lugar, velaí están os finados, chorados e lembrados poetas Manuel María e Antón Avilés de Taramancos.
Manuel María foi elixido concelleiro en Monforte entre 1979 e 1983, facendo parte da candidatura do Bloque Nacional Popular Galego (BNPG).
E de Avilés de Taramancos, o tamén poeta noiés Martín Veiga afirma no seu excelente estudo Escribir na multitude. A obra literaria de Antón Avilés de Taramancos (Toxosoutos, 2014):
«Como consecuencia da súa implicación na vida civil do país dentro do marco do nacionalismo de esquerdas, presentouse integrado nas listas do Bloque Nacionalista Galego (BNG) para as eleccións municipais de 1987 ao Concello de Noia. A vitoria desta organización motivou que Avilés fose nomeado concelleiro de Cultura, cargo que desenvolveu ata 1991 e no que se caracterizou por levar a cabo unha xestión cultural extraordinaria».
En datas máis recentes sen dúbida o exemplo máis notorio é do poeta Xosé Manuel Millán Otero quen chegou a ser alcalde do concello de Moaña entre 2003 e 2011, sempre en coalición da súa candidatura do BNG co PSOE ou con partidos independentes de ámbito municipal.
E que poetas da Costa da Morte se involucran desta volta na lea electoral?
De ampliarmos o radio do noso estudo a todo o territorio galego habería un do número de escritores e escritoras a faceren parte das candidaturas, sendo de salientar pola súa trascendencia a presenza do poeta e narrador coruñés, mais moi vencellado a Muros, Luís Rei Núñez na cabeceira da denominada Marea de Pontevedra ou do poeta Xoán Carlos Domínguez Alberte como número dous na candidatura do BNG no concello ourensán de Ramirás, xa que ambos e dous teñen moitas opcións de seren elixidos.
Porén, é a Costa da Morte o territorio onde máis autores e autoras (a maioría vencellados ao extinto Batallón Literario da Costa da Morte) aparecen inseridos na lea electoral das municipais.
Rafa Vilar, que xa foi concelleiro na última e convulsa lexislatura na corporación de Compostela, vai agora no terceiro lugar da candidatura do BNG.
Tamén en Compostela, a escritora Marilar Aleixandre figura no afastado número 16 de Compostela Aberta.
Curioso é o caso de Malpica de Bergantiños, onde van confrontar entre as candidaturas dúas que levan poetas na cabeceira, quen ademais fan parte dun proxecto editorial común denominado Caldeirón: Paco Souto (que xa foi concelleiro nunha breve etapa) lidera a listaxe do BNG e Paco de Tano faino en Son Anova.
Completando candidaturas en postos de menos relevo tamén aparecen máis poetas que foron do Batallón Literario da Costa da Morte, así en Fisterra temos a Mónica Góñez Silva de cuarta na candidatura do BNG, polo que xa fora elexida concelleira hai dúas lexislaturas (cómpre lembrar que nas anteriores municipais o poeta Modesto Fraga foi tamén concelleiro ao liderar a listaxe do BNG, aínda que deixou o cargo no ecuador da lexislatura para se centrar no seu labor de libreiro en Á lus do candil, de Arteixo) e o poeta Suso Bahamonde ocupa o sexto lugar tamén na candidatura do BNG de Cee. Desta volta, desapareceu a candidatura nacionalista de Dumbría, na que en anteriores convocatorias figuraba o poeta Xaime Trillo e na actual listaxe do BNG en Corcubión tamén desapareceu Serxio Iglesias, que figuraba nas anteriores.
Algúns destes autores e autoras é evidente que figuran en lugares ornamentais, de recheo que se adoita dicir, como o fixen eu propio nas candidaturas nacionalistas en Cee na década dos noventa, mais unha parte significativa teñen moitas das «papeletas» para seren escollidos e deste xeito evidenciar máis unha vez esa ligazón entre compromiso explícito (porque implícito o temos todas e todos) e literatura.
Que os fados lles sexan propicios!

Esta entrada foi publicada en Historia, Manifestos, Narrativa, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Literatura e compromiso: poetas da Costa da Morte na lea electoral

  1. Lector di:

    Ola. Sen ánimo de exhaustividade, Margarita Ledo pecha a lista do BNG en Compostela. Arestora é máis coñecida como cineasta, pero como saberá o autor desta entreda publicou varias novelas e un incalsifcábel e gran libro de título ‘Linguas Mortas’. En Compostela Aberta tamén figura a poeta Branca Novoneyra, esta con máis opcións de saír escollida ca Marilar Aleixandre.
    Saúdos

    • Estimada lectora. Agradezo moito a túa lectura e a túa achega, porén non pretendía ser exhaustiva. A anotación pretende recoller as e os poetas da Costa da Morte que van nas candidaturas e Marilar Aleixandre foi parte do Batallón Literario da Costa da Morte. E xa logo como introdución citei aqueles poetas que xa foron concelleiros ou que nesta ocasión teñen moitas posibilidades de o seren, caso de Luís Rei Núñez ou Xoán Carlos Domínguez Alberte. Branca Novoneyra figura no cuarto lugar de Compostela Aberta e semella que os inquéritos tamén lle dan moitas opcións, feito que non me desgustaría. Saúde!

    • Por certo, na Marea Atlántica coruñesa, se non estou nun erro, tamén figuran os poetas Alberto Lema e Estíbaliz Espinosa, mais en postos que podemos considerar de “recheo”, agás que se produza unha bendita revolución na cidade herculina.

Os comentarios están pechados.