Chega ás miñas mans, con notorio retraso e cando xa se coñece o ditame da súa XXIII edición, o libro do XX Certame Francisco Añón de Poesía, celebrado en Outes en 2016 e publicado en maio de 2017 polo Concello de Outes. Este volume compilatorio dos traballos premiados naquela vixésima convocatoria leva un Limiar da miña autoría e un Epílogo da escritora Susana Sánchez Aríns, pois ambos e dous fixeramos parte do xúri avaliador. Velaquí o meu texto que celebraba eses vinte anos do certame.
LIMIAR
Dúas décadas de existencia contemplan o Certame Francisco Añón de Poesía, dúas décadas a nos revelar vizosas obras poéticas de autoras e autores novos e a publicar en coidada edición os seus textos, o que converte esta convocatoria nunha referencia de prestixio para a creación lírica no mapa literario do noso País.
Non chegan a unha ducia os certames poéticos que comparten esta fecundidade. Os decanos dos premios que visibilizan a obra son: XLII Certame Literario Concello de Vilalba; XXXII Premio de Poesía Cidade de Ourense; XXX Certame de poesía Rosalía de Castro; XXIX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, XXVIII Certame Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé; XX Premio de Poesía Avelina Valladares e os coetáneos XIX Concurso de Poesía Concello de Carral e XIX Premio de Poesía Johán Carballeira; aínda que existen algúns máis lonxevos que non publican as obras en formato libro (como os singulares XLVI Festa do Aquelarre Poético; XLI Certame de Poesía sobre o Nadal do Concello de Begonte ou XXX Premio de Poesía Feliciano Rolán).
O propio Francisco Añón estaría ben feliz de ser sabedor que o seu nome ía da man dun Certame Literario de moita sona. Non esquezamos que Añón, aínda que xa publicara poemas con anterioridade, vai acadar a súa maior notoriedade e a consagración literaria cando foi premiada a súa composición intitulada «A Galicia» nos Xogos Florais da Coruña de 1861, e que se publicou xunto cos outros textos laureados un ano despois no denominado Álbum de la Caridad, que adoita sinalarse como o inicio do Rexurdimento da literatura na nosa lingua.
Creo firmemente na promoción que supoñen os premios literarios para as novas voces. Se me permiten neste punto unha lembranza persoal, eu non chegaría a ser escritor, aínda que xa principiara coma case todos no ámbito escolar, se non fose polo ánimo, o estímulo (mesmo económico) e a proxección pública que acadei aos vinte anos cando recibín polo relato Augas de silencio o Premio de Narracións Curtas «Modesto R. Figueiredo», convocado en 1985 polo Patronato do Pedrón de Ouro. Nesa data nacín verdadeiramente para a escrita.
A crenza nese valor engadido dos premios literarios levoume a aceptar facer parte do cualificado xurado que premiou os textos recollidos neste volume. Tivemos que realizar un labor de peneira nada doado pola cantidade, e ás veces tamén cualidade, dos traballos presentados. Non nos desanimou que houbese que deixar deserta a Categoría A: Nenos/as de 6 a 7 anos, porque axiña puidemos recoñecer a madurez temática no poema de Alejandra Daponte Zarra e o accésit de Lucía López Cartelle na Categoría B: Nenos/as de 8 a 9 anos. O sentido do humor e a orixinal construción fixeron merecedora a Mariña Maceiras Segovia do máximo galardón na Categoría C: Nenos e nenas de 10 a 11 anos, onde tamén se outorgaron accésits compartidos aos traballos de Raquel Soto Sánchez e Ada Diana Quintela Rial. Unha temática dura e realista dende o punto de vista poético, como é o Alzheimer, deulle o premio a Lucía Amarelo Ginzo na Categoría D: Rapaces e rapazas de 12 a 14 anos, onde houbo accésit para Maruxa González Campos. A ironía e a contraposición de imaxes foi fundamental para lle outorgarmos a Irene Rico Gómez o premio na Categoría E: Mozos e mozas de 15 a 17 anos, na que o accésit foi para Breogán Torres Gutiérrez.
Finalmente, na Categoría F: Maiores de 18 anos, de especial relevancia, non só pola contía económica senón pola entidade dos textos a presentar, que xa son de seu pequenos poemarios, alén do accésit para Susana Justo Barreira, a apertura plica no máximo galardón descubriunos a unha autora que xa conta con outros recoñecementos e con obra publicada, Miriam Ferradáns Ferradás, por Deshabitar unha casa, un poemario compacto, dunha poeta con moito oficio e que domina a narratividade da propia composición, construída con grande acerto.
E 156 anos despois de que vise premiada a súa composición intitulada «A Galicia», Francisco Añón asistiría hoxe gozoso a esta festa literaria, a este novo Álbum que recolle aínda máis diversidade temática que aqueloutro de 1862. E estou ben certo de que Francisco Añón poñería unha enorme cara de sorpresa, mais tamén de satisfacción creo eu, ao ollar que tería que mudar aquel seu verso do devandito poema: «Xa cantando os teus fillos te chaman», porque o noventa por cento das voces premiadas son femininas, e celebraría creo eu que Rosalía de Castro tivese tan boas continuadoras da súa loita e da habelencia do seu estro.
Compostela, febreiro de 2017, no 160 aniversario da primeira versión do poema «O recordo. A Galicia», que Francisco Añón datou no mesmo mes de 1857.