Limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín a Bretemada, o libro inédito de Gonzalo López Abente


(Foto de Sonia Daponte, Galicia Hoxe)
Deseguida reproducimos o interesante Limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG, a Bretemada, o libro inédito de Gonzalo López Abente.
Limiar
Gonzalo López Abente non é un autor secundario senón de primeira fila e de importancia primordial dentro da cohorte dos que foron chamados, a partir de Castelao prologuista de Álvarez Limeses, de Antre Dous Séculos. A carón do Álvarez Limeses citado, de Noriega Varela e do abundantísimo e universalmente celebrado Cabanillas, López Abente mantense ergueito. E digo máis, co paso dos anos a poesía do muxián crece.
Teño a impresión de que a presenza da poesía de López Abente entre os máis novos galeguistas de posguerra se fixo importante a partir da difusión da Escolma de Del Riego, tomo IV Os Contemporáneos. Como ocorreu con outros escritores cuxa obra era de difícil adquisición ou acceso naquelas horas más, os que entrabamos, entre clandestinos e esperanzados, nas canles do nacionalismo literario encontramos naquela obra un resumo crítico-biográfico de López Abente máis ca suficiente e unha antoloxía ben representativa da súa obra poética. Estabamos, pois, preparados para máis López Abente. E como o poeta era vivo e producía textos fronte ao mar de Nemancos sempre recomezado, estabamos ben aprechados para recibir a novidade. En 1963 López Abente sae de novo á luz cun libro do trinque a cuxo nacemento asistimos con curiosidade e interese: Centileos nas ondas. Nunca esquecerei o día no que Xaime Illa Couto (con contactos na familia) me amosou o orixinal mecanoscrito do libro de López Abente que axiña ía saír á luz en Vigo. Conservo indelébel na memoria máis íntima a primeira lectura do libro daquel poeta vello que nos falaba desde a penedía occidental aos mozos en procura da “olorosa panthera” –véxase Fernández Rei- ou sexa dun modelo acabado de lingua nacional.
López Abente é un produto (digámolo ao vello modo de Taine) da burguesía comercial e culta que xiraba as súas operacións na costa NW de Galicia no século XIX. Da familia de Pondal, por parte de Abente, fixo viaxes de formación polos países máis avanzados de Europa, onde se perfeccionou nos seus coñecementos de linguas. Graduouse en Dereito. A súa vida aparenta tranquilidade e reflexión na vila de Muxía, dedicado ás letras e á actividade mercantil.
Como López Abente acudiu, entre os primeiros, ao chamamento nacionalista de Antón Villar Ponte, de cedo o miramos nas Irmandades da Fala e case estamos a sentir a súa voz perorar nas Asembleas de Monforte e Lugo. Antes da guerra de España colaborou en toda a prensa patriótica e escribiu obras de teatro e narracións (especialmente novela curta) que a crítica debería visitar e interpretar dentro do programa de anovamento da historia literaria de Galicia que xa se está a cumprir.
Con todo, de López Abente o que mellor pervive é o poema, para o meu entendemento. A experiencia clásica paneuropea é fundamental para o completamento do sistema de recursos da poesía de López Abente. E este clasicismo prodúcese baseado nun idioma poderoso e sabio. Seguindo a prescrición pondaliana, o poeta afonda nas falas vivas da súa terra e doutras por el coñecidas, incluíndo as formas que hoxe se senten fortemente dialectais, para elevar logo este material, mediante prodixiosa alquimia literaria, a categoría de lingua de ouro. Os modos retóricos distáncianse definitivamente e para sempre de calquera das tentacións saudosistas ou minimalistas que brillan pola súa febleza na obra coetánea de Noriega e que puideron asaltar un López Abente incipiente ou novel. Felizmente, de libro a libro e até os seus versos finais, a poesía do noso autor faise nobre e robusta (Pondal) e a fondura sentimental e a orixinalidade da súa fonte imaxinaria contense en unidades de rigorosa administración lírica.
Publícase agora un libro inédito de Gonzalo López Abente que leva o título, tan suxerinte como característico do autor, de Bretemada. Foi escrito (dinos o escritor muxián con absoluta precisión) entre o 28 de novembro de 1917 e o 31 de maio de 1922 e a súa edición, tantos anos despois, constitúe un acontecemento literario de altísima importancia.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Lingua, Poesía. Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín a Bretemada, o libro inédito de Gonzalo López Abente

  1. Pingback: As crebas » Novos poemas manuscritos de Gonzalo López Abente: «¡Orza!»

  2. Pingback: As crebas » Gonzalo López Abente nos anos da II República

  3. Pingback: As crebas » Xosé Luís Méndez Ferrín fala de Bretemada, de Gonzalo López Abente

Os comentarios están pechados.