Libro do Mal Amor. Haikus contra a Violencia de Xénero

HaikuViolencia
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Nesta anterior anotación (19 de novembro do 2014) xa falei da miña achega á creación dun proxecto artístico e literario denominado Libro do Mal Amor. Haikus contra a Violencia de Xénero, coordinado pola profesora Gracia Santorum (creadora do imprescindible blogue Trafegando ronseis do que tanto aprendemos) e na que desta volta tamén se involucrou o seu alumnado das terras do Deza, despois de asistiren a un Obradoiro de poesía dispensado por Raúl Vacas.
Onte recibín na caixa de correo a edición en papel do Libro do Mal Amor. Haikus contra a Violencia de Xénero, editado pola Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia a finais de 2015, no que se xuntan nada menos que 42 textos de escritoras e escritores galegos, que se completan coa actividade didáctica na que un numeroso alumnado e un escolleito profesorado elaboran tamén os seus haikus de boa calidade e de indubidable interese, ilustrados uns e outros con cadansúa imaxe de elaboración do alumnado e das ilustradoras Mar García e Aránzazu Diñeiro.
Tamén existe unha edición dixital que se pode descargar de balde nesta ligazón ou tamén se pode coñecer o proceso de elaboración do libro a través de diversas anotacións na bitácora de Gracia Santorum e tamén no blogue da biblioteca escolar do IES Laxeiro.
Parabéns por esta fermosa iniciativa que xunta poesía e reivindicación.
E para remate velaquí o meu haiku, que figura na imaxe.
HAI-DOR
Golpes de gorxa
as palabras que feren:
morte de Amor.

Esta entrada foi publicada en Arte, Manifestos, Poesía. Garda a ligazón permanente.