«Lexitimación da nación galega», recensión de Silvia Bermúdez a Bretemada de Gonzalo López Abente


Grial, Revista Galega de Cultura, no seu último número, 193 (xaneiro, febreiro, marzo do 2012) publica na habitual sección “O espello das letras” unha recensión de Silvia Bermúdez a Bretemada (Alvarellos, 2011), o poemario inédito de Gonzalo López Abente, cuxa edición literaria é de propia autoría. A revista pódese mercar en papel nas principais librarías ou na edición dixital na propia páxina da Editorial Galaxia.
Velaquí o texto completo da recensión de Silvia Bermúdez, Professor Chair, Department of Spanish and Portuguese. University of California-Santa Barbara:
Lexitimación da nación galega
BRETEMADA 1917-1922 [LIBRO INÉDITO]
GONZALO LÓPEZ ABENTE
Alvarellos Editora-Fundación Gonzalo López
Abente | 2011 | 228 páxinas
O volume Bretemada, de Gonzalo López Abente (1878-1963), número 15 da ‘Colección Rescate’ de Alvarellos Editora, é unha significativa contribución á memoria cultural de Galicia. O propio presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín non dubida en cualificala de “acontecemento literario de altísima importancia” no “Preámbulo” que acompaña a edición (13). En efecto, e tal como indica o seu responsable, Miro Villar, na lúcida “Introdución”, grazas á perseveranza e dedicación do estudoso Ernesto Vázquez Souza e ás facilidades ofrecidas por Xesús Alonso Montero para acceder ao mecanoscrito, temos ante nós este poemario (62). Falta engadir que, sen o compromiso de Alvarellos Editora por recuperar para o arquivo historias e memorias da identidade galega, non accederiamos a un texto que, afiliado a imaxinerías pondalianas e dentro dunha experiencia clásica paneuropea, ofrécese como modelo de lingua nacional para a Galicia que emerxe como nación moderna ao amparo das propostas políticas, ideolóxicas e culturais da Xeración Nós.
A invitación a pensar Bretemada desde a arqueoloxía cultural e desde o arquivo, tal como formulou primeiro Michel Foucault en A arqueloxía do saber (1995) e despois Jacques Derrida en Mal de arquivo. Unha impresión freudiana (1998), débese a que é un documento salvagardado para o imaxinario galego polo empeño de Henrique Alvarellos e a súa “Colección Rescate’. As súas angueiras por recobrar e reintegrar materiais perdidos, desatendidos, esquecidos ou de escasa ou nula circulación, inscríbense dentro dos parámetros de “conservación”, “memoria”, “reactivación” e “apropiación” formulados por Foucault para describir o arquivo. Ao impulso dos procesos de “conservación” e “memoria”, Villar vese obrigado a aclarar que “Bretemada é un libro inédito, mais non totalmente descoñecido”, pois na actualidade sábese que, en tres de catro poemas publicados individualmente en diversas revistas entre 1921 e 1956, dáse conta da súa existencia (54).
En canto monumento/discurso rescatado para o mosaico do galeguismo, o libro reivindica unha memoria colectiva desde sesgos esteticistas que busca a lexitimación da lingua galega. Non é irrelevante que o noso poeta, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1971, sexa unha figura central dentro dos movementos nacionalistas políticos e culturais que dominan a Galicia das tres primeiras décadas do século XX. Membro das Irmandades da Fala (1916) e do Seminario de Estudos Galegos (1926), foi elixido presidente da Asociación de Escritores de Galicia en marzo de 1936. A través destes e outros xestos de apoio, López Abente abócase ao proxecto de reclamar e establecer a autonomía artística e cultural para a súa nación. A liñaxe familiar, que o une a Eduardo Pondal polo lado materno, contribúe a entroncalo coas instancias fundacionais do rexurdimento cultural e político de Galicia. Ao modo de Pondal, o autor presenta en Bretemada unha afín emoción estética que o leva a unha interpretación idealista da paisaxe, á mitificación do pasado, e á fantasía con fadas e bardos que se atribúe á alma atlántica celta.
O poemario, considerado como único e longo poema por quen Vicente Risco chama “o mellor poeta do mar”, divídese en seis partes precedidas por un “Adicamento” (un poema) e un “Introito” (nove poemas), onde se establece que “Bretemada” é a transnominación de Galicia. O título adianta a visión que informa o discurso poético do texto, onde cada un dos encabezamentos adxudicados ás seis seccións adxectiviza a Bretemada baixo unha visión de soño, compromiso e dor. Así, as reverberacións semánticas do termo “Nemorosa” identifican unha parte que consta de quince poemas, mentres a segunda se titula “Pastora” (catorce poemas), a terceira “Guerreira” (quince poemas) e a cuarta “Principesa” (dezaseis poemas). As partes quinta e sexta, de quince poemas cada unha, van encabezadas cos termos “Escrava” e “Ceiba”, respectivamente.
Unha actitude apostrófica e a apelación vocativa ao “ti” da amada sustentan os nove poemas do “Introito”, onde o suxeito poético adopta, entre outros, os rostros de “valente guerreiro”, “leial cabaleiro” e “bardo” para dirixirse á que se vai identificando alternativamente, neses mesmos poemas, como “Siñora” (poema II “Miña dona”, 75), “amada”, “principesa”, “miña Señora, amor de amores” (poema VIII “A miña ofrenda”, 84-85). As apelacións serven para establecer a aguda conciencia nacionalista do suxeito lírico, abocado á defensa do galego como lingua literaria. Ao articularse como único poema, Bretemada actualízase en canto que narra as instancias da viaxe na que se embarca o bardo na procura e encontro coa amada, que non é outra que a súa terra, Bretemada/ Galicia.
A visión interiorizante do suxeito poético cobra relevo nas mellores composicións de Bretemada —entre outras, “Copa d’ouro”, “Ven…!”, “Meiga fala”, “Os meus cantares”, “Canzón de guerra”, “A groriosa bandeira”, “Tecendo groria”, “Alborada”, “No pazo encantado”, “Na disgracia”, “Canzón dôrida”, “Calma”, “Queixumes”, “Os precursores” e “Os poetas”. Na súa totalidade, todos os poemas solidifican un punto de vista lírico onde a linguaxe aínda constitúe unha reserva que vindica usos figurativos e estéticos. Desde ambos os dous, e enlazando terra e lingua, Bretemada abócase ao proxecto político-retórico de lexitimar a nación galega. Corresponde agora a lectores, críticos e estudosos responder á dobre chamada do arquivo, para achegarnos a este poemario tanto no seu ser rexistro do pasado como de apertura ao porvir.
Silvia Bermúdez
 

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.