Lembranza dunha conferencia de Manuel María en setembro de 1991

manuelmaria13-09-19912
(Na fotografía de A. Hernández, en segundo plano, eu propio a conversar co poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, se callar sobre a inminente saída do prelo da miña opera prima Ausencias pretéritas, Espiral Maior, 1992)
Neste novo cabodano do pasamento do poeta Manuel María recupero a lembranza dunha conferencia súa proferida o 12 de setembro de 1991, no Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, nun Encontro de Escritores/as de Galiza e de Portugal. Foi a primeira conferencia que lle escoitei na miña vida, aínda que xa lle escoitara a lectura ou o recitado dos seus versos en moitas ocasións con anterioridade.
Manuel María pronunciou a conferencia inaugural e como sinala a crónica da Redacción de Santiago de La Voz de Galicia que reproduzo e traduzo: «Manuel María foi o relator que espertou máis interese entre os asistentes foráneos, pois acudiu a unhas moi ilustrativas referencias biográficas para expoñer o pasado recente, o presente e o que pode ser o futuro da lírica en lingua galega». Para engadir deseguida: «Anecdotas persoais e referencias ás tertulias de café, á circulación clandestina -vía Latinoamérica- dos textos e ao sistema de divulgación “man a man” foron os aspectos que Manuel María espertou dos seus recordos para ilustrar unha panorámica da poesía e da literatura galega, en xeral, nas catro últimas décadas. O poeta soubo encandilar a propios e estraños. De feito, cando Álvaez Cáccamo tomou a palabra na táboaa redonda na que participaban boa parte das máis sobranceiras plumas a súa intervención foi toda unha homenaxe verbal a Manuel María».
Nesa táboa redonda, alén de Cáccamo e de Manuel María, participaron Darío Xoán Cabana, o finado Ramiro Fonte e Miguel Anxo Fernán-Vello, precedidos por unha conferencia introdutoria de Claudio Rodríguez Fer.
Na sesión de tarde interviría Fernando Pinto de Amaral, poeta e crítico da revista Coloquio Letras, editada pola Fundação Calouste Gulbenkian, coordinadora do Encontro, para realizar un percorrido sobre a lírica portuguesa contemporánea.
manuelmaria13-09-1991

Esta entrada foi publicada en Encontros, Estudos literarios, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.