Lembranza da poeta María do Carme Kruckenberg



(No primeiro video, editado pola AELG, Mª do Carme Kruckenberg le dous textos do poemario As complexas mareas da noite, Espiral Maior, 2006. No segundo o grupo Xardín Desordenado musica outro dos poemas do mesmo libro, intitulado «Tanto de nada»)
Vén de se producir o pasamento da escritora María do Carme Kruckenberg (Vigo, 3 de xuño de 1926 – 16 de maio de 2015), autora dunha obra na que sobrancea a voz poética que expresou en máis de vinte títulos, desde Cantigas do vento (Alba, 1956) até os tres últimos editados nesta década por Barbantesa. En 2006 recibiu a distinción «Letra E – A Escritora na súa Terra» que outorga a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e en 2011 Galaxia publicou a súa biografía de mans de Mercedes Queixas Zas.
Esta mesma entidade fixo público o seu pesar (que é o noso) polo pasamento da escritora, lembrando que «foi nomeada no ano 2006 Socia de honra pola Asemblea de Socios e Socias da AELG, da que foi vicepresidenta en 1986, termando da asociación coa valentía e a coraxe precisas, apostando firmemente por unha continuidade necesaria».
Non a tratei persoalmente, de quitado dos saúdos intercambiados nalgún acto literario nos que coincidimos, quer organizados pola propia AELG ou polo PEN Clube de Galicia. Alén diso, asocio a miña primeira lembranza da súa obra coas miñas lecturas dos anos oitenta, cando lía os libros de poesía que había nos andeis da Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán de Cee, polo que me introducín na súa obra coas Cantigas para un tempo esquecido (Edicións do Castro, 1986).
Lin e teño nos andeis da miña biblioteca persoal outros títulos da súa autoría, dos que salientarei o que lle publicou o poeta Miguel Anxo Fernán-Vello na súa colección: As complexas mareas da noite (Espiral Maior, 2006), que na miña opinión é a súa mellor obra. Velaquí un dos seus poemas, co que fecha o libro:
Todo o que me doe
está ao pé da escaleira.
Ninguén quere subila.
Tampouco ninguén quere baixala.
E alí queda inservíbel
como adorno da paisaxe.
A verdade da mazá morre na herba.
Mañá un acto cívico e poético acompañará a María do Carme Kruckenberg na súa despedida. E os seus versos escoitaranse nun Día das Letras Galegas, que mellor homenaxe. Que a terra che sexa leve, Poeta!
(Arquivo da AELG. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Kruckenberg

Esta entrada foi publicada en Obituarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.