O pasado día 5 de outubro de 2024, convocados polo CAFI (Centro Autonómico de Formación e Investigación) e baixo unha balloada, realizamos o Roteiro polos espazos vitais e literarios de Castelao na Estrada, ben guiados pola erudición e sabedoría de Xoán Carlos Garrido, David Otero, Pablo Porta e Marcos Borragero.
O seu punto de inicio foi o veciño Pico Sacro, para lembrar a estadía de Castelao neste emblemático lugar, e alí tiven a oportunidade e a honra de ler o poema gravado no vídeo por Xoán Carlos Rodríguez Pérez e que reproduzo deseguida.
Apuntamentos para unha «Alba de Groria»
(Diario de Castelao na ascensión ao Pico Sagro, 19 de xullo de 1924)
I
Na mañá somnolenta que esperta do seu sono
un sorriso solleiro prende as agras abertas
de milleirais ou senras no corazón da Terra
Nai, nas abas fecundas do esgrevio Pico Sagro.
O batallón sen armas, con chapeus ou con puchas,
–eu levo o meu caderno, pouso un lapis na orella–
empeza o lento ascenso sen acougo e sen présa.
Engorde agras abertas deveñen basto mato.
Entrecortadamente falamos. Terra a Nosa
a impregnar as palabras, os seus fíos, as febras,
camiñando na sombra breve dunhas sobreiras
ou do son rumoroso de bos piñeiros bravos.
E xa se enxerga o cumio, símbolo poderoso,
mais tamén non moi lonxe pegadas da desfeita
dos homes insensibles coa nosa natureza,
metáfora da Terra, de sérmonos escravos.
Contra aquel sortilexio de imbéciles e escuros
apañamos entre herbas rosiñas pequeneiras
que coma un esconxuro prendemos nas lapelas
e axiña coroamos pleno de luz o facho.
II
Diante nosa a paisaxe prolóngase fermosa,
nas torres do Obradoiro comeza unha muiñeira
e as campás repinican por toda Compostela
coma un Día da Patria que alenta os nosos azos.
E soñamos a Terra Nosa aínda máis Nosa,
as terras chas luguesas a inzar de bidueiras,
piñeirais nas salgadas rías de Pontevedra,
as augas do pai Miño coas do Sil nun abrazo
na máis vella das pontes da cidade de Ourense
e a morreren ben xuntas nunha foz da ribeira
que irmanda os montes ceibos Caminha e Santa Tegra
para non esquecermos nunca o noso pasado.
E soñamos a Terra Nosa aínda máis Nosa,
nos eidos das montañas ou nas fortes roleiras
da nosa costa brava na estrema coruñesa
ou na comuñón entre cantábrico e atlántico,
na terra dos mil ríos ou do millón de vacas,
de oficios mariñeiros ou de angueiras labregas
que constrúen as naos do noso chan futuro
e que sentimos Nós aquí, no Pico Sagro.
Miro Villar