Esta noite foille entregada ao poeta e académico Salvador García-Bodaño a Medalla de Ouro da cidade e o título de Fillo Adoptivo de Santiago de Compostela, cumprindo un acordo unánime da cámara municipal (conformada a día de hoxe por PP, PSOE e BNG) que se aprobou en pleno o pasado 26 de decembro.
Salvador García-Bodaño (Vigo, 1935), como se sinala na páxina da RAG: «mantén unha estreita relación con Santiago de Compostela desde a súa etapa universitaria, cando se dá a coñecer como poeta nos Xogos Minervais organizados pola súa universidade, e pasa a formar parte activa da vida cultural, social e política santiaguesa. Así, a primeiros dos 60 promove, xunto con outros, a creación da Agrupación Cultural O Galo –entidade pioneira en Galicia entre as dedicadas ao activismo cultural de signo galeguista- participa na fundación do Partido Socialista de Galicia e centra en temas relacionados coa cidade santiaguesa boa parte da súa produción xornalística e literaria, coma o libro Tempo de Compostela, Premio da Crítica española para poesía en lingua galega».
Por volta de 2010, cando eu facía os labores de secretario (hoxe demitido) do Pen Clube de Galicia, decidimos de xeito unánime honrar a Salvador García-Bodaño na homenaxe que a entidade realiza baixo o epígrafe «O oficio de escritor». Recibín do noso presidente, o poeta Luís González Tosar, a encomenda de escribir un saúdo e unha laudatio para o acto de entrega. O caso é que este acto non se celebrou e as urxencias que me solicitaron ficaron no esquecemento. Con posterioridade, o 14 de xuño de 2013, entregóuselle pola mesma entidade o «VI Premio Voz de Liberdade», mais a lectura do meu texto non se fixo necesaria.
Como eu adoito ser cumpridor coa miña palabra dada, escribín en novembro de 2010 esta laudatio que agora reproduzo, ad maiorem gloriam do amigo Salvador García-Bodaño, a quen parabenizo por tan merecidos recoñecementos públicos.
Saúde, Poeta!
LAUDATIO
Este encontro ao que nos convoca o Pen Clube de Galicia baixo a denominación «O oficio de escritor» reconvértese felizmente nesta edición en «O oficio de poeta» para nos xuntar arredor da persoa e da obra de Salvador García-Bodaño. E a quen lles fala, en nome da entidade, aprácelle moito que así sexa porque nos trae á memoria o magnífico libro que co mesmo título escribira o meu amado Cesare Pavese. Non me resisto, pois, a ler para vostedes un fragmento, acaído para todos os poetas con oficio, como é o noso homenaxeado de hoxe:
“As palabras son o noso oficio. Dicímolo sen sombra de timidez ou ironía. As palabras son cousas tenras, intratables e vivas, mais están feitas para o home e non o home para elas. Todos sentimos que vivimos nun tempo no que cómpre volver levar as palabras á sólida e espida nitidez de cando o home as creaba para se servir delas” (O oficio de poeta).
Agradézolle a Salvador García-Bodaño poder “servirme” da súa palabra poética, pois os seus versos e os dos seus compañeiros de xeración (esa que din ‘Xeración das Festas Minervais’ e que outros nomean como ‘Xeración dos 50’) fan parte das miñas lecturas e das de moitos poetas da miña promoción como os grandes autores galegos e primeiros contemporáneos que lemos, alén dos clásicos. Velaí a nos iluminar a obra de Manuel María (1930) e Uxío Novoneyra (1930), Xohana Torres (1931), Bernardino Graña (1932), Antón Avilés de Taramancos (1935), Ramón Lorenzo (1935) e o propio García Bodaño (1935), Alexandre Cribeiro (1936), X. L. Franco Grande (1936), X. L. Méndez Ferrín. (1938) ou Arcadio López Casanova (1942). Como podería esquecer estes nomes se, permítanme botar man do anecdotario persoal, a miña primera lectura pública de versos xunto a outros membros do colectivo Un Medio (Rafa Villar e Estevo Creus, entre eles) sucedeu o 14 de xullo do 1988, na I Feira do Libro de Cee, onde aqueles mociños fomos “teloneiros” de Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos, Xavier Seoane e Miguel Anxo Fernán-Vello.
Como xa é tradición en homenaxes coma esta estou na obriga de lles dicir unhas notas sobre Salvador García-Bodaño, palabras que para moitos de vostedes serán tan só lembranza do lido e do vivido na súa compaña e que para os máis novos serán un necesario percorrido pola súa obra e pola súa biografía persoal.
Din os libros que Salvador García-Bodaño Zunzunegui naceu en Vigo o 17 de xullo do 1935, no barrio operario e rebelde de Teis, contorna que escolleu para chantar un álamo, a súa árbore escolleita, no ciclo “O Escritor na súa Terra”, ao ser nomeado Socio de Honra da AELG, Letra E, en 2004. Porén, pódese dicir que Salvador non é vigués, pois toda a súa biografía persoal está ligada a Compostela, a cidade de pedra que tantos e tan fermosos versos ocupa no conxunto da súa obra. De feito, nese mesmo ano de 2004 o Concello de Santiago de Compostela vai dedicarlle unha praza na parte nova de San Lázaro, que na miña opinión é un paradoxo para o seu alento de poeta clásico, se non for porque por ese lugar camiñan os peregrinos que queren chegar até a catedral.
Prégolles a súa benevolencia, pois vaime levar un bocado salientar uns datos biográficos que considero importantes. Alén dos premios nas Festas Minervais en 1959, as súas primeiras actividades públicas de relevo son na súa calidade de Poeta. En xaneiro de 1960, no Paraninfo compostelán, participou na homenaxe en memoria de Ramón Cabanillas, organizada pola Cátedra de Literatura da USC, lendo poemas xunto a Aquilino Iglesia Alvariño e Uxío Novoneyra. En 1963 tamén o fai na celebración do primeiro Día das Letras Galegas no Salón Artesonado de Fonseca, nun recital con Carlos Casares, Xohana Torres e Arcadio López-Casanova.
En 1980 fai parte da directiva da primeira AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) e foi presidente do desaparecido Ateneo de Santiago de Compostela, que hai ben pouco tempo (2008) retomou a súa actividade nunha nova xeira. Participou na fundación da Agrupación Cultural ‘O Galo’ en 1961, do Museo do Pobo Galego en 1976, do novo Seminario de Estudos Galegos en 1983, e tamén doutras entidades como o Museo de Arte Contemporáneo ‘Carlos Maside’, o Instituto Galego da Información, o noso PEN Clube de Galicia, a Asociación de Tradutores en Lingua Galega ou GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil). Tamén é membro da Fundación ‘Patronato do Pedrón de Ouro’ e da Fundación Castelao, desde moito antes. E na súa actividade política participou no nacionalista Consello da Mocidade e foi cofundador do Partido Socialista Galego (PSG). En 1988 recibiu o Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural polo conxunto da súa obra. E o recoñecemento de dúas entidades da diáspora: unha no Día da Poesía Galega 2006, do Patronato da Cultura Galega en Montevideo, Uruguai, e outra en 2008 na cidade de La Habana coma Socio de Honor da Sociedad Hijos del Ayuntamiento da Estrada.
Mención á parte merece subliñar que é numerario da RAG (Real Academia Galega) desde o 25 de novembro de 1992, proposto por Antonio Fraguas, Constantino García e Andrés Torres Queiruga, lendo o discurso “Compostela e as nosas letras ata o manifesto Máis Alá”, no que fai un enxalzamento do seu admirado Ramón Piñeiro, a quen sucedía na cadeira, antes de se debruzar sobre a presenza da Compostela “das sete portas” nos textos medievais, nas “Fiestas Minervales” do século escuro do XVII, nas composicións do cura de Fruime, da compostelá Francisca de Isla y Losada ou nos populares cantares de cego no século das Luces, nos diálogos satíricos e outras pezas no alborecer do XIX e, por suposto, en todas as grandes voces do noso Rexurdimento. Non se esquece da emigración americana, antes de rematar nos autores vinculados á etapa das Irmandades da Fala e da época Nós.
Agora é o momento de tracexar unhas liñas sobre a súa obra, nomeadamente a poética, aínda que publicou:
Narrativa: Os misterios de Monsieur D´Allier (1992), Premio da Crítica Española en 1993 e os contos “A pedra”, “Conto de Reis”, “O mosteiro”, “Ruth”, “O Sinatra”…
E noutros xéneros: Mantén unha columna dominical en El Correo Gallego, intitulada “No pasar dos días”. Tamén publicou De Onte a Hoxe. Ensaios xornalísticos, a biografía crítica: Rafael Dieste (RAG), diversos estudos sobre pintores e varias traducións, entre elas Viaxe por Galicia recollida de The Bible in Spain de George Borrow.
Poesía: Versos seus están incluídos nas máis importantes e rigorosas antoloxías de poesía galega e aparecen traducidas ó italiano, ruso, inglés, francés e brasileiro.
■ Ao pé de cada hora (Vigo: Salnés, 1967). Premio da Crítica Española en 1969. O poeta Manuel María reseña o libro o 21 de xaneiro de 1968.
O profesor Xavier Carro (no magnífico artigo “A construcción imaxinaria na poesía de Salvador García-Bodaño”) sinala: “Quizais “Ao pé de cada hora” sexa unha das obras que menos atención recibiu por aquelas datas; non é menos certo que o auxe da poesía social sombreaba tódalas producións artísticas que non estiveran naquela liña. A poesía de García-Bodaño, fondamente lírica, elaborada cunha linguaxe aparentemente sinxela, de léxico restrinxido, pero moi escollido pola súa funcionalidade poética, agachaba unha hermética complexidade metafórica que lle permitía ó poeta re-crear o mundo imaxinariamente”.
Unha cita de Salvador Espriu (“… el lent record dels dies / que son passats per sempre”) abre este libro dual: da banda de arca, a presenza de elexías no conxunto de “Oracións para os vosos nomes” onde expresa a dor pola ausencia de Alexandre Bóveda, Rosalía de Castro, Luís Pimentel, Ramón Cabanillas, Carlos Maside e o seu propio pai, e da banda de couso, a temática amorosa que bate contra as coordenadas da poesía social máis imperante na época e faino desde un desforado lirismo que Arcadio López-Casanova denominou “representación da intrahistoria íntima”.
■ Tempo de Compostela (1978), Premio da Crítica Española en 1979.
Alén de tres poemas a xeito de pórtico e doutro como epílogo, o libro ten tres partes: “Poemas diacrónicos”, imitatio de formas poéticas que van dende as cantigas de amor e de escarnho e maldizer da Idade Media, mais non ao xeito do neotrobadorismo dun Bouza Brey, poñamos por caso, até os séculos escuros, o XIX e o XX, para rematar no fermoso soneto SALVE URBA MEGNA. “Poemas contemporáneos” que falan da cidade moderna, daquelas mañás de música na Alameda, ou onde “O aromático fume dos incensarios / apagaba o recendo antigo das Algalias / e aquel aire tan bravo / e montesío / que viña dende a Almáciga”, dando cabo con outro fermoso soneto, NICE STONE TIME. E, por último, os “Poemas nominados”, que se definen con só ler os seus fermosos títulos: “Rosalía Castro, compañeira na eternidade”, “Ramón Otero Pedrayo, para sempre un outeiro de pedra”, “Ramón Cabanillas, a palabra no vento mareiro”, “Castelao, dende a beira da mañá”, “Carlos Maside, nos signos do grafito”, “Fermín Penzol, no abeiro de Compostela”, “Francisco Fernández del Riego, retrato sobre papel”, “Luís Seoane, cor e mais palabra” e “Ramón Piñeiro, na cela do pensamento”. Os profesores Anxo Tarrío Varela e Iria Sobrino Freire teñen analizado de maneira pormenorizada este libro.
■ 37 debuxos para un país (1985), onde unha serie de breves poemas minimalistas en prosa, case epigramáticos, e de fonda intensidade lírica acompañan cada un dos debuxos de Felipe Criado.
■ Compostela (1989), trátase da serie denominada “Poemas diacrónicos”, nunha edición limitada que conta con augafortes do pintor Alfonso Costa.
■ Obra poética (1993), compilación da súa obra, que inclúe dous inéditos (Poemas de amor a Xulia e As palabras e os días). O primeiro, como evidencia o seu título, acrecenta a poesía amatoria do autor e o segundo a poética sobre a fugacidade da vida e a loita existencial do ser humano.
■ Pegadas no alcatrán (Encomio da banalidade) (1994) é é unha plaquette, da que tan só se tiraron 99 exemplares numerados, na que se alerta contra a decadencia, mesmo a degradación, do xeito de vida do urbanitas, con versos contra os grandes almacéns, anos antes de que José Saramago escribise o romance A caverna (2004).
■ Cantos de ausencia. Elexías (1959-2002), con debuxos de Pepe Carreiro e un Limiar do propio poeta onde sinala que recolle “unha serie de composicións poéticas da miña autoría, de carácter elexíaco ou a xeito de nenias, de diferentes rexistros estilísticos e formais, comprendidas entre os anos de 1959 e o 2002”. Son 61 cantos elexíacos, nos que despois do título aparece a personalidade lembrada e a data da composición. Inaugúrase con dous poemas a Cabanillas, datados en 1959 e 1960, e remata con dous textos de 2002, dedicados a Carlos Casares e a Antón Avilés de Taramancos. Escritores como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Manuel Antonio, Manuel Luís Acuña, Roberto Blanco Torres, Luís Pimentel, Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Luís Seoane, Eduardo Blanco-Amor, Manuel Cuña Novás, Celso Emilio Ferreiro, Uxío Novoneyra ou Eusebio Lorenzo Baleirón, pintores como Carlos Maside, Reimundo Patiño e Xavier Pousa, galeguistas como Alexandre Bóveda, Castelao, editores como Luís Mariño, poetas doutras literaturas como Antonio Machado, Pablo Neruda ou mitos como o Che Guevara, en moitos dos casos con varias composicións onde continúa a alicerzar o estro clásico que tanto caracteriza a poesía de Salvador.
■ E finalmente Cidade Virtual (2003), libro publicado en formato dixital pola BVG e que se define con só lermos unhas palabras do prólogo: “As cidades, logo, as reconstrúe cada quen, alá nos espacios do recordo, segundo as propias vivencias. Son o resultado do noso estado de ánimo e da nosa plenitude vital: as tristísimas cidades dos aflixidos, as luminosas e sonoras cidades dos felices, as fotográficas cidades silentes dos xordos, as incomprensíbeis e agresivas cidades dos cegos, as cidades cambiantes da vida… Por iso poden ser fermosas ou terríbeis, e as dúas cousas á vez. Existen ao través de nós”.
E remato xa, cos meus parabéns e coa lectura dun dos moitos e magníficos poemas que Salvador dedicou a esta cidade que nos acolle:
Compostela é unha rúa longa
na memoria
onde vagan os nomes
e as horas
que cada quen recorda…
Tempo de eternidade nas sombras
case vougas
a caír polos días
e as cousas
maino como unha choiva.
No libro da vida as follas
xa sen volta
pasando sobre o atril
das lousas
sen que un se dea conta.
crebas twitter
-
Artigos recentes
- «Viaxe ao Norte de Alemaña e cidades da Hansa». As crónicas do xornalista e viaxeiro Xosé Ameixeiras
- «Reivindicación dun legado poético da Costa da Morte», artigo en Grial 242
- Lanzamento da edición facsimilar de Estebo, de Xosé Lesta Meis, co estudo introdutorio “Unha voz crítica da emigración galega a Cuba” da miña autoría (Obra de libre descarga)
- «Gaza on fire / Xenocidio televisado», poema na antoloxía de solidariedade Cantos de dor e liberdade
- «Pondal, Martelo e López Abente subiron de novo aos Penedos», a crónica de Xela Cid do roteiro literario polos Penedos de Pasarela e Traba organizado polo Semescom
Categorías
- Antoloxías
- Arte
- Autografías
- Banda deseñada
- Biografía
- Cinema
- Congresos
- Contos
- Documental
- Efemérides
- Encontros
- Ensaio
- Entrevistas
- Epistolarios
- Estudos literarios
- Exposicións
- Fotografía
- Gravacións
- Historia
- Humor
- Infantil
- Lendas e mitos
- Lingua
- Literatura medieval
- Manifestos
- Manuscritos
- Memoria Literaria
- Música
- Narrativa
- Obituarios
- Poesía
- Política
- Premios
- Presentacións
- Radio
- Recensións
- Roteiros
- Sen categorizar
- Teatro
- Televisión
- Tradicións
- Versións ou traducións
- Xornadas
- Xornalismo
Comentarios recentes
- Moita saúde, moita poesía e moita felicidade no 2024 | crebas.gal en Que a Terra che sexa leve, Pólvera
- “De rosa antiga” | Tirar do fío en Recensión a De rosa antiga. 50 anos de Poesía (1972–2022), de Helena Villar Janeiro, en Grial 237
- Recensión da antoloxía Ara do mar. Poesía a Fisterra, compilada por Alexandre Nerium, en Grial 232 | crebas.gal en Artigo en QPC (XCIII): A potencia simbólica do topónimo Fisterra
- Florencio Delgado en 12 ligazóns e 2 vídeos | A profa en Unha lectura de Galicia infinda, de Florencio Delgado Gurriarán
- «A Pontragha», un poema para o libro Chegadas, Saídas. O antigo camiño de ferro Santiago de Compostela – A Coruña, de Manuel Pazos Gómez | crebas.gal en «A Pontragha», un poema inédito na GaZeta (Revista de Agrupacións Poéticas de Base)
Histórico
- Agosto 2024 (1)
- Xullo 2024 (3)
- Xuño 2024 (1)
- Maio 2024 (3)
- Marzo 2024 (1)
- Febreiro 2024 (1)
- Xaneiro 2024 (1)
- Decembro 2023 (2)
- Novembro 2023 (1)
- Outubro 2023 (3)
- Setembro 2023 (1)
- Agosto 2023 (3)
- Xullo 2023 (3)
- Xuño 2023 (1)
- Maio 2023 (1)
- Abril 2023 (1)
- Marzo 2023 (3)
- Xaneiro 2023 (2)
- Decembro 2022 (2)
- Novembro 2022 (1)
- Outubro 2022 (3)
- Setembro 2022 (2)
- Agosto 2022 (1)
- Xullo 2022 (4)
- Xuño 2022 (2)
- Maio 2022 (10)
- Abril 2022 (2)
- Marzo 2022 (1)
- Febreiro 2022 (4)
- Xaneiro 2022 (6)
- Decembro 2021 (2)
- Outubro 2021 (1)
- Setembro 2021 (3)
- Agosto 2021 (1)
- Xullo 2021 (4)
- Maio 2021 (2)
- Abril 2021 (1)
- Marzo 2021 (1)
- Febreiro 2021 (3)
- Xaneiro 2021 (6)
- Decembro 2020 (9)
- Novembro 2020 (8)
- Outubro 2020 (2)
- Setembro 2020 (3)
- Agosto 2020 (2)
- Xullo 2020 (3)
- Xuño 2020 (1)
- Maio 2020 (6)
- Abril 2020 (6)
- Marzo 2020 (5)
- Febreiro 2020 (1)
- Xaneiro 2020 (5)
- Decembro 2019 (3)
- Novembro 2019 (2)
- Outubro 2019 (6)
- Setembro 2019 (5)
- Agosto 2019 (3)
- Xullo 2019 (4)
- Xuño 2019 (2)
- Maio 2019 (6)
- Abril 2019 (5)
- Marzo 2019 (4)
- Febreiro 2019 (2)
- Xaneiro 2019 (6)
- Decembro 2018 (3)
- Novembro 2018 (3)
- Outubro 2018 (6)
- Setembro 2018 (6)
- Agosto 2018 (6)
- Xullo 2018 (8)
- Xuño 2018 (10)
- Maio 2018 (9)
- Abril 2018 (2)
- Marzo 2018 (11)
- Febreiro 2018 (5)
- Xaneiro 2018 (8)
- Decembro 2017 (4)
- Novembro 2017 (2)
- Outubro 2017 (7)
- Setembro 2017 (7)
- Agosto 2017 (13)
- Xullo 2017 (7)
- Xuño 2017 (6)
- Maio 2017 (6)
- Abril 2017 (6)
- Marzo 2017 (8)
- Febreiro 2017 (11)
- Xaneiro 2017 (5)
- Decembro 2016 (8)
- Novembro 2016 (7)
- Outubro 2016 (10)
- Setembro 2016 (12)
- Agosto 2016 (13)
- Xullo 2016 (7)
- Xuño 2016 (12)
- Maio 2016 (18)
- Abril 2016 (18)
- Marzo 2016 (9)
- Febreiro 2016 (15)
- Xaneiro 2016 (16)
- Decembro 2015 (11)
- Novembro 2015 (21)
- Outubro 2015 (7)
- Setembro 2015 (7)
- Agosto 2015 (2)
- Xullo 2015 (13)
- Xuño 2015 (5)
- Maio 2015 (13)
- Abril 2015 (17)
- Marzo 2015 (17)
- Febreiro 2015 (17)
- Xaneiro 2015 (8)
- Decembro 2014 (16)
- Novembro 2014 (4)
- Agosto 2014 (4)
- Xullo 2014 (3)
- Xuño 2014 (2)
- Maio 2014 (4)
- Abril 2014 (8)
- Marzo 2014 (8)
- Febreiro 2014 (20)
- Xaneiro 2014 (9)
- Decembro 2013 (18)
- Novembro 2013 (7)
- Outubro 2013 (15)
- Setembro 2013 (29)
- Agosto 2013 (13)
- Xullo 2013 (20)
- Xuño 2013 (9)
- Maio 2013 (19)
- Abril 2013 (25)
- Marzo 2013 (20)
- Febreiro 2013 (23)
- Xaneiro 2013 (22)
- Decembro 2012 (20)
- Novembro 2012 (12)
- Outubro 2012 (12)
- Setembro 2012 (16)
- Agosto 2012 (25)
- Xullo 2012 (26)
- Xuño 2012 (19)
- Maio 2012 (41)
- Abril 2012 (35)
- Marzo 2012 (38)
- Febreiro 2012 (34)
- Xaneiro 2012 (40)
- Decembro 2011 (39)
- Novembro 2011 (47)
- Outubro 2011 (43)
- Setembro 2011 (43)
- Agosto 2011 (34)
- Xullo 2011 (31)
- Xuño 2011 (3)
Meta