«Laio e clamor polo Monte Pindo», un artigo de opinión no semanario Sermos Galiza


(Premer na imaxe para unha mellor lectura)
As páxinas do semanario Sermos Galiza, na súa edición en papel, da que eu propio son subscritor e sempre animo a apoiar para termos prensa en galego nos quiosques, acolle na sección de «Opinión» do seu número 65 (19 de setembro do 2013) o meu artigo «Laio e clamor polo Monte Pindo», acompañado dunha ilustración de Alfredo López «Tokio».
Velaquí o texto:
Laio e clamor polo Monte Pindo
Laio. «as ás do deforme anxo de lume / bateron no Pindo / ardeu a pedra incombustíbel». Son versos do poderoso poema «arde o Pindo» que escribiu Marilar Aleixandre despois da vaga de lumes do 2005 e que fai parte do seu libro Mudanzas (2007), alén de figurar en Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega (2013), un volume colectivo que xunta 56 poetas e 66 textos, cuxa referencia máis antiga até agora documentada é de Francisco Añón, cun poema de 1861 que di: «Eu soñey con ver n’a cume d’o Pindo, / Adornados de mirto e loureiros, / Escritores poetas guerreiros, / Que sorrindo se daban a man».
No Limiar desta colectánea promovida pola Asociación Monte Pindo Parque Natural, Chisco Fernández Naval e eu propio salientamos: «Foi a literatura quen popularizou o carácter sacro do monte dende antigo. Son moitos os autores que insisten na súa denominación de Olimpo, velaí senón a Ramón Otero Pedrayo, quen o describe así: ‘O monte, formado por enormes masas de granito adopta unha forma de grave testa, e aínda florecen nas súas fisuras as figueiras salvaxes das que falan o P. Sarmiento e Jovellanos nas súas Notas de viaxe. Chamóuselle un dos Olimpos célticos de Galicia e é, en verdade, un dos máis fermosos montes litorais dela”. Pero agora, grazas ao traballo divulgador da Asociación Monte Pindo Parque Natural, sabemos que nun documento de doazón, recuperado no Tombo de Celanova, con data do ano 942, xa se recollía esta condición: “In Carinota… cum suo monte sacro’».
Mais non só é este inmenso capital simbólico o que perdemos. Monte Pindo Parque Natural fala de máis de 2200 has., a práctica totalidade do arborado do macizo granítico e boa parte das marismas de Carnota. A carraxe, a desolación, a impotencia encheu durante horas os rostros carnotáns, coas súas voces a seren silenciadas no no-do dos telexornais da TVG e que tiveron o seu altofalante noutros medios e na rede. A televisión do réxime só emitía opinións da conselleira do Medio Rural e do delegado do Goberno e recoñecía o labor das equipas de extinción, cuxo traballo está fóra de dúbidas. Porén, nin un so comentario crítico a lembrar a absoluta ausencia de investimento público en políticas de prevención e de melloramento produtivo do monte.
A culpa é do nordés, a culpa é dos días solleiros, a culpa é dos atavismos tradicionais da nosa tribo, a culpa é das mans covardes dos incendiarios (cuxo perfil é diverso), mais nunca da administración que non considera a roza e a posta en valor do monte, que non aproba medidas de protección para o monte e en especial para a raquítica Rede Natura 2000, que non considera a declaración do Monte Pindo como espazo a protexer coa figura dun Parque Natural.
Clamor. «e os homes / os homes aínda xordos / ao que berra a voces / o monte queimado». Acaídos de novo os versos de Marilar Aleixandre para facer escoitar as propostas da Asociación Monte Pindo Parque Natural, desde o lazo do noso loito verde até as mobilizacións previstas: un Roteiro reivindicativo de subida ao Monte Pindo o sábado 28 de setembro con saída simultánea ás 11:00 horas desde O Pindo (Carnota), Caldebarcos (Carnota), e o Fieiro (Mazaricos) e unha Manifestación Nacional o domingo 6 de outubro en Compostela. As citas son ineludibles para reivindicarmos Lumes, nunca máis. Incompetencia, nunca máis!

Esta entrada foi publicada en Documental, Historia, Manifestos, Poesía, Política, Roteiros. Garda a ligazón permanente.