Katmandú, un espejo en el cielo, de Icíar Bollaín


Onte foi día de ollarmos a última película de Icíar Bollaín, cuxo cinema seguimos con interese e ás veces con devoción. Katmandú, un espejo en el cielo é o título da súa nova entrega, con guión propio e a colaboración da súa parella Paul Laverty (habitual guionista de Ken Loach) e velaquí a sinopse: Na década dos noventa Laia, unha mestra catalá, vai traballar de maneira altruísta nunha pequena escola local de Katmandú (Nepal). Para garantir sobrevivir aló vai precisar dun matrimonio de conveniencia no que descubrirá o amor. Supera moitos atrancos para poñer en pé un proxecto educativo nos barrios máis pobres da cidade, na casta dos intocables. Contará coa axuda de Shamila nunha viaxe persoal para se atopar a si mesma.
Malia moitas virtudes da película, recoñezo que saín con bastante friaxe (e non porque onte a noite compostelá andaba polos dous graos). Con todo, non podo ser tan duro como a crítica que hoxe lin do meu admirado Carlos Boyero en El País.
Na miña opinión, desde aquí, desde tan lonxe, desde o occidente, resulta doado xustificar que as extremas desigualdades sociais teñen a ver coas tradicións e coa ausencia de estado, que na película só aparece representado polo funcionarado corrupto desa etapa.
Polo pouco que sei Nepal viviu un longo conflito civil e nos últimos meses accedeu ao goberno o maoísta Partido Comunista, que é supoñer algo teimará en reverter estas situacións estruturais.
Alén diso, gostaríame saber a opinión da escritora María Reimóndez e da súa oenegé Implicadas no Desenvolvemento, que teñen realizado labores semellantes na India, sobre a visión que a película ofrece derredor do traballo dunha ONG. Fico coa incerteza.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Historia, Política, Tradicións. Garda a ligazón permanente.