Inverno (astronómico)


Esta madrugada do xoves 22 de decembro do 2011, ás 6h 30m hora oficial peninsular, deu inicio o inverno no hemisferio Norte, segundo o convenio astronómico. Esta estación, a máis breve do ano desde fai algúns séculos, vai durar 88 días e 23 horas. Entramos, pois, no inverno astronómico e daquela celebramos o solsticio de inverno. Porén, na cultura popular isto vén sendo aló polo día da Santa Lucía, o 13 de decembro, e hai diversas variantes no refraneiro, entre elas «Pola santa Lucía mingua a noite e medra o día» ou «Desde a Santa Lucía medra o día como a pisada dunha pita». Á miña nai sempre lle escoitei estas dúas, se callar dialectais, «Santa Lucía quita da noite e mete no día» ou «Despois da Santa Lucía medra o día a pata dunha galiña».
Nestas datas resulta ben interesante unha mostra expositiva organizada polo Kunsthistorisches Museum de Viena (que non coñezo porque aínda non visitei a cidade austríaca) intitulada «Winter Tales. Depictions of Winter in European Art from Bruegel to Beuys» (e reproduzo o título en inglés porque é máis transparente para min ca o alemán). A exposición recolle a máis coñecida e sonada representación pictórica do inverno na arte europea, “Os cazadores na neves” (datado en 1565) de Pieter Brueghel, O Vello, así como pinturas de Jacob van Ruisdael, Hendrick Avercamp, Jan van Goyen, Aert van der Neer, Peter Paul Rubens, Jan Steen, Jacob Jordaens, William Turner, Francisco de Goya, Caspar David Friedrich, Gustave Courbet, Jean-François Millet, Claude Monet, Alfred Sisley, Camille Pissarro, Vincent van Gogh, Giovanni Segantini, Edvard Munch, Joseph Beuys e Anselm Kiefer.
Na miña obra poética hai moitos poemas sobre as estacións intermedias do outono e da primavera, que ademais son as que máis me apracen con moita diferenza, fronte á escaseza de referencias ao verán. Non deixa de ser sintomático dos meus estados de ánimo. A palabra “inverno”, ou derivados coma “invernía” aparecen en cinco poemas do meu primeiro libro, Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992); noutros cinco de Equinoccio de primavera (Esquío, 1998); nun único poema en Abecedario da desolación (Espiral Maior, 1997), As crebas (Espiral Maior, 2011) e o aínda inédito Breizh e en ningún das 42 décimas de febre (Toxosoutos, 1994) e de Gameleiros.
Velaquí o haiku do inédito Breizh e o poema do libro As Crebas.
LA TOUR EIFFEL (II)
Corpo metálico
que no frío do inverno
encolle a dor.
De Breizh (inédito)
los dioses son palabras,
con el silencio mueren.
«Desde fuera», Ítaca (1972), FRANCISCA AGUIRRE
Os deuses son palabras e co silencio morren, como morren salseiros mollando rostros ebrios na grata intimidade de espellos matinais.
E as pegadas do inverno sinalan un camiño de papeis amarelos nas táboas da amizade, con manchas de alcatrán que protexen o barco.
As madeiras podrecen, nin tanto galipote pode tapar as fendas, os deuses son palabras que se perden no mar como aparellos rotos.
Os cestos, os garruchos, as patelas e os paxes xa non se enchen de peixe, nin sequera de argazo, só papeis amarelos que anuncian o mal tempo.
E ti ocultas o rostro sen palabras nin deuses, deixa agora que falen do mar as atadeiras.
De As crebas (2011)

Esta entrada foi publicada en Historia, Lendas e mitos, Poesía. Garda a ligazón permanente.