«Insomnio (II)», un diálogo coa poesía de Antonio Gamoneda

Antonio Gamoneda
Teño dito moitas que son devoto da poesía de Antonio Gamoneda, a quen cheguei hai ben anos por escoitarlle falar moito e ben deste poeta a Xosé Luís Méndez Ferrín. E hoxe que o ovetense, xa case leonés, Antonio Gamoneda chega aos 85 anos recupero un poema do libro As crebas (Espiral Maior, 2011), merecedor do XIII Premio de poesía «Concello de Carral». Trátase do poema 31, intitulado «Insomnio (II)», que se inspira nuns versos do poema 56 do excelente e, para min, inesquecible Libro del Frío (1992). Velaquí o diálogo poético:
31
Insomnio (II)
Alguien ha entrado en la memoria blanca, en la inmovilidad del corazón.
«56», Libro del frío (1992), ANTONIO GAMONEDA
E na memoria branca entra alguén con sixilo, escorregando amodo pola inmobilidade do corazón en lascas; acéndese un farol e foxen os morcegos co teu sangue nos dentes.
Espertas na suor dun novo pesadelo na noite sen ruído de lúa impertinente e corren as formigas na cova dos teus ollos.
Outra volta o insomnio, preguntas sen resposta.
Notas un peso enorme nos ombros, son as horas, sentas nunha cadeira da cociña, os dedos que premen obsesivos as pálpebras e a dor afrouxa a violencia.
Son ásperas as sombras.
Outro día alborece mentres chegan do mar os primeiros cerqueiros con coros de gaivotas.
Respiras ben profundo, cómpre saír á vida.

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.