Héitor Picallo ilustrará a portada do poemario Breizh


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
En varios lugares desta bitácora, coma este, falouse do meu poemario aínda inédito Breizh, que tras un azaroso e desafortunado periplo editorial agora vai publicar a Editorial Toxosoutos nas próximas semanas. O seu director literario, o filólogo ourensán David G. Couso, fíxome chegar unha proposta de ilustración para a portada que asina Héitor Picallo.
E apráceme inmenso que sexa o amigo Héitor, escritor da vila de Cuntis (ou a Vila do Baño), a quen quixemos acompañar hai uns días (velaquí a crónica) no acto cultural no que se lle facía entrega do XVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela.
Alén do seu infatigable labor de investigación cultural, histórica ou literaria, o noso caro amigo Héitor Picallo tamén sobrancea na ilustración. Velaí a súa portada do suplemento cultural co que homenaxearon a Valentín Paz Andrade no Día das Letras Galegas os xornais El Correo Gallego e o dixital Galicia Hoxe. Ou tamén a longa serie de Tilirín, na que saliento a acaída e fermosa caricatura que me fixo para o volume Tilirín e a poesía de hoxe (Edicións da Fervenza, 2011). Con esta anotación reproduzo ese retrato da súa autoría e a posible portada de Breizh, ao tempo que testemuño a miña gratitude atlántica e os meus parabéns.

Esta entrada foi publicada en Arte, Banda deseñada, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Héitor Picallo ilustrará a portada do poemario Breizh

  1. Héitor Picallo di:

    Alégrame que che guste a portada, e que che guste que a faga eu, tanto coma a min tercha feito. Por certo representa a bandeira de Breizh e un disco con un entrelazado celta típico desa tamén Fisterra. Velaí a ancestralidade, a terra, a nación,… velaí o enlace coa nosa tamén Fisterra.
    Graciñas irmán, pola amizade e pola aperta sincera na palabra que non ten cancelas
    Héitor

Os comentarios están pechados.