Guillerme Ignacio: «Un berro por Corcoesto»


Guillerme Ignacio (Beluso-Bueu, 1970), fundador do grupo folk tradicional galego Quempallou, no que se ocupa de gaitas, frautas e voz, e mestre de música do CEIP Praia de Quenxe de Corcubión, vén de publicar onte na súa canle de youtube unha peza musical intitulada «Un berro por Corcoesto» contra o proxecto de minaría tóxica (con cianuro) a ceo aberto na procura de ouro e que vai estragar a paisaxe de Pondal:
Meniña, rapaza nova,
ouh, rosa de Corcoesto,
que brandeas con gracia
ós doces sopros do vento:
se é certo que por ti vivo,
se é certo que por ti peno,
se tan doce e dadivosa,
como din que es, é certo;
cúrame, oh rapariga,
estas suidades que teño:
estas suidades da alma,
de non sei qué, que padezo;
ti tes dos meus males a doce menciña,
¡ouh, rosa de Corcoesto!
Eduardo Pondal
O delicioso traballo musical de Guillerme Ignacio vai acompañado da seguinte entrada, que reproduce a letra de autoría propia:
Publicado 11/03/2013
Texto propio sobre unha melodía recollida no lugar de Tufións, Sereixo (Vimianso, AC)
Por que non hei de berrar?
Un berro por Corcoesto
Por que non hei de berrar?
Se a terra era de meus pais
E meus fillos a han de herdar
Porque en Corcoesto
Non se pode entrar
Con esa ghran mina
Que queren armar
Que queren armar
Que lle hai que facer?
Protesta, protesta
E protesta outra vez
I-o que queira traballar
Que busque traballo honrado
Que deixe esta terra en paz.
Porque en Corcoesto
Non se pode entrar

Moitos cartos ha de dar
Pr’aqueles catro empresarios
Ricachos de Canadá
Porque en Corcoesto
Non se pode entrar

E-aquí que nos han deixar?
vertedoiros e cianuro
Para nos envelenar.
Porque en Corcoesto
Non se pode entrar

Guillerme Ignacio 2013

Esta entrada foi publicada en Manifestos, Música. Garda a ligazón permanente.