Gonzalo López Abente "resucitou" na XLI Feira do Libro da Coruña


Aconteceu na XLI Feira do Libro da Coruña e soubémolo por un “chío” ou “tuit” na conta twitter de @bretemas (do editor Manuel Bragado), quen “retuiteaba” a información desde @ErmitasValencia, a conta de Ermitas Valencia Romar (vencellada á Costa da Morte, pois naceu en Muxía en 1977), concelleira nacionalista da Coruña. O escritor muxián Gonzalo López Abente (1878-1963) “resucitou” no programa da devandita Feira, como testemuña a reprodución gráfica, que en principio atribuímos a un xornalista aínda en prácticas do diario coruñés La Opinión. Mais o erro provén do propio programa que se publicou, onde se pode ler:
(Día 4 de agosto, sábado)
21.15. Presentación do libro A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Xunto co autor, participan no acto Suso Sambade, X.H. Rivadulla Corcón e Manuel Bragado.
Resulta obvio asegurar que Gonzalo López Abente non estivo de corpo presente aínda que o seu espírito acompañou as palabras de todos tres presentadores do libro perante unha concorrencia pouco numerosa mais abondo interesada na obra narrativa do autor muxián.

Esta entrada foi publicada en Narrativa, Presentacións. Garda a ligazón permanente.