Gonzalo López Abente nos anos da II República


(Na imaxe de pé, Sebastián González, Eladio Rodríguez, Enrique Peinador, López Abente, Celia Brañas Fernández, Pura González Varela, Ramón Otero Pedrayo, David Fernández Diéguez, Angel del Castillo e Fernando Cortés. E sentados, Fernando Martínez Morás, Castelao, Manuel Lugrís Freire, Antón Vilar Ponte e Félix Estrada Catoyra)
Unha das lagoas que aínda temos na biografía do poeta muxián Gonzalo López Abente, debida sobre todo ao espolio dos seus papeis, é a constatación do seu compromiso político nos anos trinta, en concreto durante a II República que naceu o 14 de abril do 1931.
Temos constancia documental de que participou na VI Asemblea das Irmandades na Coruña, encabezando a delegación de Muxía, segundo informa o xornal coruñés El Orzán (27-IV-1930) e meses máis tarde aparece entre os asinantes que apoiaron a creación en Pontevedra do Partido Galeguista o 5 e 6 de decembro do 1931.
No Día da Patria Galega, 25 de xullo do 1934, asiste á recepción de Castelao como membro da RAG, acto que se celebrou no salón da Alcaldía do pazo Municipal da Coruña. No arquivo da Academia consérvase unha fotografía na que aparecen todos os participantes, entre eles figura Abente que daquela aínda non era académico de honra (desde o 20 decembro de 1918 era académico correspondente, foi elexido de honra o 8 de decembro de 1940 e tomou posesión o 27 de Xullo de 1941).
E o día 24 de xullo de 1935 organizouse na cidade coruñesa un mitin semellante ao coñecido “mitin das arengas” que acollera A Quintana compostelá un ano antes nesa data. Nesta ocasión consistiu nunha homenaxe a Curros Enríquez perante o seu monumento. Glosaron a personalidade e a obra do poeta desde distintos ángulos, en palestras de dez minutos: Plácido Castro, Antón Villar Ponte, Núñez Búa, Bóveda, Castelao, Suárez Picallo, Víctor Casas, Álvarez Gallego, Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño, Lugrís Freire, Sebastián González, Gómez Román, López Abente e Carballo Calero.
Na presentación do inédito Bretemada (Alvarellos, 2011), o actual presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, que escribiu o Limiar para a nosa edición, lanzou a hipótese de que tivese certo compromiso coa histórica Izquierda Republicana. E ben puidera ser así, xa que o seu poema «A Fouce» foi reproducido na portada do Faro Villabés. Órgano de la «Izquierda Republicana» de Villalba (Ano III, nº 49. Vilalba, 1º de maio do 1934). Este poema xa se publicara no seu primeiro libro, Escumas da ribeira (Madrid: Imprenta Juán Pérez Torres, 1911?) e fora reproducido noutras publicacións. Malia o título, o seu contido non trata de ningunha revolta agrarista, senón da morte da súa muller, súa curmá Balbina Abente Myszkovski, que falece, con 26 anos, o 12 de setembro de 1910 ao ano de casaren. Daquela, acaso sería reproducido na publicación vilalbesa porque Gonzalo López Abente era un dos seus? Abofé que así puido ser.
A FOUCE
Fouce lucente en lóstregos bermellos,
bermellos com’o sangue das tuas víctimas,
¿qué segador xigante te manexa?
¿Qué segador de vidas
tenche de cote, amenazante e torva,
sobre as nosas cabezas suspendida?
……………………………………………………………
A carón do meu peito
refungando pasaches aquel día,
e do arbre en que frolecen meus amores
arrincáchel-a ponla máis querida,
a ponla n-a qu’as froles máis sinxelas
perfumaban de cote a y-alma miña.
¿Qué viñeches facer hoxe de novo,
fouce famenta das humanas ditas…?
Fungaches, como fungan
as pezoñentas víboras,
y-outra ponla arrincaches do meu peito…
Dime, fouce maldita,
¿qué segador funesto te manexa,
que as froles todas do meu peito arrincas?
Se te gozas co-as bágoas dos meus ollos,
fire sin compasión, fouce cativa;
d’un golpe fende o tronco do meu arbre,
y-o sangue que me salla da ferida
¡n-o aceiro relucente da tua folla
unha eterna blasfemia deix’escrita!

(Premer na imaxe para unha mellor lectura)

Esta entrada foi publicada en Historia, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.