Gonzalo López Abente no volume Todas as letras do Día das Letras Galegas



(Premer na imaxe para unha mellor lectura)
A Real Academia Galega (RAG) vén de dispoñibilizar en libre acceso na súa páxina web o volume intitulado Todas as letras do Día das Letras Galegas, co que se conmemoran os 50 anos desta celebración ou liturxia da literatura galega. Na publicación medio cento de académicos numerarios ou correspondentes repasan cadansúa figura das que teñen sido homenaxeadas neste día. Como xa se contou nesta bitácora os mesmos materiais serviron para elaborar aquel número especial do suplemento Culturas de La Voz de Galicia.
Novamente lembramos os artigos dedicados aos únicos autores da Costa da Morte que figuran na listaxe: Eduardo Pondal Abente, Día das Letras Galegas, 1965, nun texto escrito por Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG, e Gonzalo López Abente, Día das Letras Galegas, 1971, por Xosé María Lema Suárez, académico correspondente. Cabo deles tamén un autor de quen conmemoramos o seu centenario, Celso Emilio Ferreiro, Día das Letras Galegas, 1989, e cuxo texto está escrito por Alba Nogueira López, nada en Toba (Cee) en 1968 e profesora de Dereito Administrativo na USC e académica correspondente.
Todos tres están ao voso dispór tamén na citada anotación, hoxe reproducimos máis unha vez a breve semblanza do escritor muxián.
Gonzalo López Abente. Día das Letras Galegas, 1971
Por Xosé María Lema Suárez
Aínda que tamén foi narrador e dramaturgo, destacou sobre todo como poeta. É un dos nosos grandes poetas do mar, sendo o seu o mar bravo e inquedo da Costa da Morte. En 1909 casou coa súa curmá Balbina Abente, que lle morreu de parto ó ano seguinte e iso condicionaría a súa vida e obra. O seu primeiro poema (Un velorio na aldea) data de 1899, con apenas 21 anos. Na segunda década do século XX acadou sona como escritor e a Real Academia Galega farao académico correspondente. O seu compromiso co idioma propio sempre foi claro; en 1921 escribe: «Ao falar deste meu vello e querido pobo, coido que sería ridículo facelo noutra fala que non fose a mesma del, a que decote lle serviu para as súas necesidades». Participará nos movementos a prol do idioma e do galeguismo, uníndose ás Irmandades da Fala (1916), á Asemblea Nazonalista (1917) e á Irmandade Nazonalista Galega (1922). En 1926 entra no Seminario de Estudos Galegos. En 1936 participará na campaña do Estatuto de Autonomía de Galicia. Polo seu compromiso galeguista e republicano será represaliado polos sublevados en 1936, que o deixarán sen emprego. En 1941 entrou como numerario na RAG, cun discurso sobre a poesía de Pondal. No 2011, por iniciativa do Concello muxián, créase en Muxía a Fundación Gonzalo López Abente para difundir a súa obra.
* Obra
Escumas da ribeira, 1911
D´Outono, 1924
Nemancos, 1929
Vaosilveiro, 1929
Gonzalo López Abente
*Muxía, 1878
*Muxía, 1963

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Ensaio, Estudos literarios, Historia, Lingua, Literatura medieval, Narrativa, Poesía, Teatro. Garda a ligazón permanente.