Gonzalo López Abente na presidencia da Asociación de Escritores Galegos (Concello de Santiago de Compostela, 1936)

Almanaque01
Almanaque02
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
O mes de marzo ten varios motivos de recordación na biografía e na obra do académico e escritor muxián Gonzalo López Abente. Dous deles foron ben lembrados no excelente «O Almanaque das Irmandades», que puxeron en andamento a coruñesa A. C. Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), concretamente na súa efeméride do 24 de marzo, 138 aniversario do seu nacemento, e tamén na súa de hoxe, que lembra a súa breve presidencia da Asociación de Escritores de Galicia en 1936.
Na Introdución que preparei para a edición do libro de poemas, daquela aínda inédito, Bretemada de Gonzalo López Abente, que coeditaron a Fundación Gonzalo López Abente e Alvarellos Editora escribín sobre eses dous acontecementos:
(nacemento)
Gonzalo Francisco López Abente naceu na en Muxía segundo conta nunha das cartas dirixida ó seu curmán Horacio Bermúdez Abente, que a reproduce no prólogo á edición de Decrúa (1966): “… un día coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 ás catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agoniaba un mártir cos brazos en crús. Aquel día escoitei a rapsodia máis subrime e fíxeme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…”.
Seu pai, Francisco López García, capitán da mariña mercante ao que se lle concedeu ao retirarse o grao honorario de tenente de navío, foi durante varios anos alcalde de Muxía e durante dúas décadas o xefe do Partido Liberal na localidade. E súa nai, Xulia Abente Lago, era filla do prestixioso médico Leandro Abente Chans, irmán da nai do poeta Eduardo Pondal, polo que os dous autores tiñan parentesco.
(presidencia da AEG)
O 29 de marzo de 1936, no salón de sesións do Concello de Santiago, local cedido polo alcalde republicano Ánxel Casal, Gonzalo López Abente foi elexido presidente da Asociación de Escritores de Galicia, nunha lista única que foi elexida por aclamación. Na revista Nós (núm. 139-144, xullo-nadal, 1936), número que non chegou a distribuirse, asina xunto a Álvaro de las Casas, como presidente e secretario da Asociación de Escritores de Galicia respectivamente, unha convocatoria de homenaxe a Casal, mantedor da publicación na súa etapa máis difícil. Poucos anos antes, en 1931, aínda aparece como presidente dun primeiro xermolo da AEG, que non ticvo actividade, Ramón Otero Pedrayo, e con Álvaro de las Casas tamén na secretaría, Abente nin sequera formaba parte da súa Xunta Directiva.
(outros acontecementos)
Porén aínda hai outros acontecementos importantes neste mes de marzo na biografía abentiana.
En 1917 a prensa recolle a súa participación o día 11 de marzo no enterro multitudinario de Eduardo Pondal Abente, ao que acode en representación da familia, xunto a Balboa e a Lastres, e presidindo o duelo xunto aos representantes da RAG, o seu presidente Murguía e os académicos Martínez Salazar, Riguera Montero e Ponte y Blanco canda as autoridades municipais en pleno co alcalde, Manuel Casás, á cabeza da comitiva.
O xornal coruñés La Voz de Galicia, do 4 de marzo do 1903, dá conta da aparición do primeiro número de El Eco de Mugía e sinala que Gonzalo López Abente é o seu director. El Eco de Mugía. Periódico independiente, defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión, foi un xornal vencellado ao Partido Liberal e do que se conservan escasos números. Nun deles (núm. 21, do 13 de setembro do 1903) publícase o poema “Mugía” e noutro posterior (núm. 42, do 15 de xullo do 1904) aparece unha nota de pésame dirixida ao seu director-propietario Gonzalo López Abente polo falecemento da súa nai Julia Abente Lago uns días antes, o 8 de xullo.
Tamén en marzo, do ano 1924, principiou a exercer como xuía municipal suplente. Na primeira época da revista Vida Gallega, nunha sección chamada “La cultura en nuestros pueblos” adicada a Muxía, no ano 1914, aparece unha fotografía de Gonzalo López Abente co seguinte pé “Avogado e Xuíz Municipal”, aínda que cos datos que manexamos non exerceu de avogado colexiado e foi xuíz municipal suplente desde marzo de 1924 a xuño de 1928 e esporadicamente durante os anos 1935-1936.
El Despertar Gallego, núm. 83, Bos Aires, 1 de setembro do 1926, publica unha entrevista que lle realiza o poeta Julio Sigüenza baixo o título: “Artistas gallegos. Gonzalo López Abente. Juez a la manera de Salomón. La romanza del mar. Cómo debe ser la poesía gallega”; que se inicia coa descrición do entrevistado:
“Entre los poetas invitados por la ‘Reunión de Artesanos’ de La Coruña para celebrar el mes de la poesía gallega, Gonzalo López Abente fué uno de los más celebrados y aplaudidos. Acababa de imprimir su último libro ‘D’Outono‘, cuando se decidió a venir a la Capital de Galicia. Me lo presentó Antonio Villar Ponte, en el Café América, una tarde de lluvia y de frío, en vísperas del recital.
Gonzalo López Abente es fuerte y robusto ¡y no habla mal de nadie! No tiene hiel. Es juez en Mugía, su pueblo, y procuró hacer la justicia lo menos legal posible. Es una especie de Salomón gallego, a donde concurren los labriegos y pescadores, mariñáns llenos de fe, y sabiendo de antemano que el que lleve la justicia ha de salir triunfador. Seguramente es el único juez gallego digno de un monumento. Aun hay justicia en Mugía!…
Habla despacio, pausadamente, y cada vez que recibe una pregunta mira a su interior para responder acertadamente. A pesar de su porte y maneras ciudadanas, se ve en él algo, tal vez su enorme bondad, que le delata fácilmente como hombre de campo, rural…”.
Por último, o seu activismo cultural concrétase coa súa entrada no Seminario de Estudos Galegos (SEG), conxuntamente con Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia que relata así Otero Pedrayo:
“O ingreso de López Abente no Seminario de Estudos Galegos fíxose co de os outros xa nomeados grandes poetas o 14 de marzal de 1926 no vello e simpático salón de aítos da Sociedade Económica de aquila aínda istalado no Colexio San Clemente. Non poideron concorrirre Cabanillas, nin Noriega. Lembramos cada intre de aquila sesión. Hastra o efeito nalgús espritos de poemas de López Abente cecáis pra iles soantes ó metal panteista de Lucrecio”.
O investigador Alfonso Mato no seu estudo O Seminario de Estudos Galegos na documentación que garda o Instituto Padre Sarmiento (2001) publica unha foto de socios e colaboradores do SEG na IIª Xuntanza Xeral da Institución, celebrada en Santiago de Compostela, no Salón de Actos da Sociedade Económica, nese 14 de marzo de 1926, na que aparece López Abente. O seu ingreso faino cunha lectura de poemas. Eran máis habituais os discursos sobre aspectos culturais. Nunca ocupou cargos directivos e a súa actividade na entidade foi escasa. E na Biblioteca do SEG tan só figuraba a súa novela Vaosilveiro.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Efemérides, Estudos literarios, Historia, Poesía, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.