Gonzalo López Abente asinante do «Manifesto da Asembleia Nazonalista de Lugo» (18 de novembro de 1918)

AsembleaNazonalistaLugo01
Tal día coma hoxe, 18 de novembro de 1918, son asinadas as conclusións da I Asemblea Nazonalista de Lugo, que se xuntara desde o día anterior, como sinala o propio limiar do seu Manifesto (a descarga do documento completo en pdf pódese facer no sitio da fundación Galiza Sempre):
«Os persoeiros das Irmandades da Fala reunidos en asambleia magna tida na cibdá de Lugo nos dias 17 e 18 do mes da data pra conquerire do Goberno da Sua Maxestade El Rey autonomia integral da Nazón Galega e fixar n-un programa concreto as que coidan testas soluciós ôs problemas que intresan d-un xeito fondonisimo â vida nazonal da Galicia, aprobaron e sosteñen, c-o corazón ateigado de espranza e os ollos postos no porvir da nay Terra, as siguentes conclusiós, que fan públicas pra conocimento e meditazón do pobo Galego, nestora solemne do albeo das nazonalidades que sinten tremelar a sua y-alma e fan xurdir a súa persoalidade».
O poeta e narrador muxián Gonzalo López Abente é unha das sinaturas que acompaña o documento, e non só como un dos asistentes á Asemblea, senón tamén como membro da mesa Presidencial xunto a Antón Losada Diéguez, Antón Villar Ponte, Lois Peña Novo, Manuel Banet Fontenla, Xaime Quintanilla Martínez, Ramón Cabanillas, Alfonso Daniel Rofríguez Castelao, Victoriano Taibo, Guillermo Cedrón e Xesús Culebras.
Entre as importantes conclusións da Asemblea (Na cibdá de Lugo a noite do dazaoito do Sanmartiño do ano de mil novecentos dazaoito) acordan traballar pola oficialización do galego e a organización de España coma un estado federal, nun conclave con ampla representación do galeguismo da época: «A Asambreia que aprobou iste Manifesto asistiron personeiros de todal-as Irmandades; estiveron representadas 67 sociedades agrarias, cinco centros culturaes; e mandaron sua adhesión cinco federaciós agrarias, once Concellos, mais de 49 Asociaciós e numerosísimas persoalidades de Galicia».
A placa colocada no hotel Méndez Ñúñez de Lugo falsea a realidade, tal e como desmostrou o profesor e investigador Xulio Pardo de Neyra na súa Tese de Doutoramento Evaristo Correa Calderón na literatura galega contemporánea. Vangardismo e galeguismo (USC, 2002) e neste artigo publicado no dixital Praza Pública no que sinala: «O lugar elixido, como non podía ser doutra forma –existe un craso erro, que descoñezo a quen debemos, cando se fala do Méndez Núñez como lugar en que se levou a cabo a asemblea— foi o teatro Lugo-Salón da Rúa Aguirre, polo demais o único espazo en que se podía celebrar un acto de semellantes características, pois noutro lugar non collerían os seus asistentes, asistentes como Risco, Cabanillas, Losada, Taibo, Viqueira, Mosteiro ou Castelao».
ManifestoNazonalistaLugo01

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Historia, Manifestos. Garda a ligazón permanente.