«Gaza on fire / Xenocidio televisado», poema na antoloxía de solidariedade Cantos de dor e liberdade

Anda xa por algunhas librarías do País e tamén se pode adquirir no sitio web de Tempo Galiza Editora a antoloxía de solidariedade Cantos de dor e liberdade, á que contribuín co meu poema inédito até hoxe «Gaza on fire / Xenocidio televisado». Deseguida reproduzo a nota de presentación editorial, a listaxe de poetas e ilustradores/as e finalmente o meu poema.

Este libro, que reúne 42 poemas e 12 ilustracións, quere ser máis unha expresión da inmensa solidariedade galega co pobo palestino. Do mesmo modo que millares de persoas saen ás rúas da Galiza en protesta polo xenocidio que o sionismo está a cometer en Gaza, poetas e artistas alzan aquí as súas voces e as súas mans para deixar constancia da dor e da rabia por tanto crime e tanta infamia, mais tamén da esperanza dun futuro de Paz e Liberdade en toda a terra da Palestina.

Os dereitos de autoría e os beneficios deste libro, impulsado conxuntamente polas entidades solidarias Galiza por Palestina, Mar de Lumes, Jenín e Pallasos en Rebeldía coa colaboración de BDS-Galiza, e materializado pola editora Tempo Galiza, irán integramente destinados á UNRWA para a axuda humanitaria á poboación de Gaza.

Do río até o mar, Palestina Vencera!

Poetas e Ilustradores/as: Álvarez Cáccamo, Xosé María; Angueira, Anxo; Campo, Marica; Carballeira, Paula; Carrabouxo, Xosé Lois; Castaño, Yolanda; Dacosta, Marta; Darriba, Luz; Diéguez, Lois; Domínguez Alberte, Xoán Carlos; Espinosa, Estíbaliz; Fernández Naval, Francisco X.; Fernández Rial, Rosalía; Gracián, Ánxela; Iglesias, Moncho; Iglesias, Xosé; Ledo, Margarita; Losada Cortizas, Sabela; Lugris, Igor; Nogueira, Arancha; Pedreira, Emma; Rey Pasandín, Laura; Ríos, Eli; Rivas, Manuel; Romero, Medos; Sánchez, Cesáreo; Seixo Fernández, Ricardo; Teixeiro (TeiS), Eva; Val, Marga do; Valcárcel, Xulio L.; Vaqueiro, Vítor; Vilar, Rafa; Villar, Miro

Velaquí o poema:

GAZA ON FIRE /

Xenocidio televisado

Non hai noite na nosa noite cegada polo bombardeo

Mahmud Darwish

Paxaros de metal a me enxordar,

Aves que sementan desolación,

Labaradas de dor, de tanta dor.

E doe Palestina nos meus ollos,

Secos coma o deserto de al-Naqab.

Tanto sangue indefenso e de inocentes

Interrogándome onte, hoxe e sempre.

Nakba que non ollei, Nakba presente,

A historia condenada a repetirse,

Labaradas de dor, de tanta dor.

Intifada de pedras que a min veñen

Bater no corazón e na consciencia,

Revelarme as ofensivas infestas

E rebelarme contra o monte Sión.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Historia, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta