Galería de fotografías na Feira do Libro de Cee 2013





(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
A libraría Á lus do candil, do poeta Modesto Fraga e a súa compañeira Alba Rodríguez, achégame unha galería de fotografías tiradas na súa caseta na Feira do Libro de Cee 2013 e que moito lles agradezo por me permitiren a súa reprodución nesta bitácora.
Na primeira, do luns 12, José Estévez López, autor de Fugaz coincidencia (Galebook, 2012), asíname un exemplar do seu libro mentres eu fago o propio asinándolle un exemplar do meu primeiro poemario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992), no que foi un feliz intercambio e encontro, pois non nos coñeciamos persoalmente até esa tarde.
Na segunda, do martes 13, asino un exemplar do poemario As crebas (Espiral Maior, 2011) para Iván, a pedimento dos seus pais, Luz e o investigador literario e narrador Luís Lamela García.
E nas dúas últimas, do mércores 14, un exemplar de Breizh (Toxosoutos, 2012) para o filósofo e músico Javier Turnes García, profesor no IES Fernando Blanco de Cee e un dos activistas e fundadores da Universidade Cromática das Virtudes e da súa interesante revista Thaumazein (que se pode ler na rede) con sé en Corcubión, a quen tampouco coñecía persoalmente, malia termos referencias através de amigos comúns, como o poeta Serxio Iglesias.

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Poesía. Garda a ligazón permanente.