Fragmento do conto «Branca, Branquiña…» de Manuel Ortiz Novo (Santiago de Compostela, 1891 – 1933)



Como ben lembra o hashtag ou cancelo #efemeridesgalegas no twitter do caro amigo Carlos Rodríguez Pér‏ez (@xcarlosrope), tal día coma hoxe o avogado, mestre, xornalista e escritor galego Manuel Ortiz Novo, nado en Santiago de Compostela en 1891, finaba nesta mesma cidade o 16 de marzo de 1933.
No pasado ano botamos man da súa obra na antoloxía intitulada Pico Sacro, ferido polo lóstrego e a lenda (Escolma de textos literarios éditos e inéditos na literatura galega contemporánea), coordinada por min propio e por Xosé Manuel Lobato, escritor e presidente da A. C. Mestre Manuel Gacio de Boqueixón, entidade que promoveu a súa publicación, e que editou de maneira ben coidada Alvarellos Editora.
Nesa escolma publicamos un fragmento do conto «Branca, Branquiña…» de Manuel Ortiz Novo, incluído no libro Quiso robar una estrella (Santiago de Compostela: Tip. El Eco, 1923), con ilustracións de Camilo Díaz Baliño e colofón de Xavier Bóveda. Foinos facilitado por Martiño Picallo. Versión galega dun orixinal en castelán.
Velaquí o extracto:
É unha das aldeas, sorrintes e pintorescas, na aba do Pico Sagro, o cumio que enxerga todos os horizontes, retrátase nas linfas azuis do Ulla e mira avidamente a Compostela; chámase Ardariz e é unha desas aldeas que se dixera queren rubir monte arriba ata agatuñar ao máis alto e chegar ao cumio no mesmo rochoso e esgrevio pico, para, xa gañado o preeminente lugar, a alta cima, dominar -nunha cobizosa ansia de ambición e altiveza- as outras aldeas irmás, poéticas e humildes: Melleirós, Cusanca, Cachosenande, Rubial, Lestedo, Picota, Ramil… así producíanse nos días sombrizos da Idade Media (a pesar de estaren iluminados con resplandores de Poesía, luces de Gai Saber e lumaradas do romanticismo dos xograres e trobadores, sempre errantes, infatigables andadeiros e nómadas polos camiños do mundo, polos caminos de Deus e de Galicia…) non doutra guisa se portaban -dicíamos- os caudillos feudais, donos de mesnadas e de armas, señores de vidas e facendas, cabaleiros de forca e caldeiro, coitelo e pendón…
Desa aldea ambiciosa e desasosegada, que ao agatuñar detívose un punto, fatigada do esfuerzo do ascenso, nun relanzo propicio para o descanso, alí na xeórxica aba do Sagro; desa aldea que mentres repousa, perennemente soña en grandezas e teño para min que van ser inútilrd os seus soños, pois que moi tarde, talvez nunca, vai velos cumpridos e quedará encravada onde xa fai algúns séculos que descansa, e así non poderá escalar as alturas nin gañar a cobizada cima; desa aldea, en fin, de Ardariz, veuse á cidade (que era Santiago) un esperto rapaz, moi feito e moi pillabán, bastante listo e despreocupado, na compaña do seu pai e a irmá maior, chamada Rosa e que, certamente, era moi bela e fragrante -de dezaoito primaveras óptimas. […]
Manuel Ortiz Novo (Santiago de Compostela, 1891 – 1933)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Contos, Efemérides. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta