Fin de semana de encontros literarios coa rapazada en Pontevedra e en Valga



(Dúas fotografías da contada no Auditorio Municipal de Cordeiro-Valga. Fonte: Beatriz Fernández Cajaraville, bibliotecaria. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
As tardes do venres, 26, na Biblioteca Nodal de Pontevedra, e do domingo, 29, no Auditorio Municipal de Cordeiro-Valga, acudín a senllas actividades de animación á lectura dentro do programa «Ler conta moito» artellado pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Nun espazo dentro da propia Biblioteca Nodal de Pontevedra máis de trinta nenas e nenos asistiron á narración oral e lectura comentada con proxeccións dos debuxos de tres contos rimados da miña autoría: Rebelión na charca, narrado a través das ilustracións de Ana Santiso, unha fábula sobre a prepotencia, a soberbia e o abuso de poder; Carlota e a gaivota patiamarela, a través das ilustracións de Enjamio, sobre a solidariedade nunha catástrofe provocada por unha marea negra e, finalmente, A cobiza do verme Noel, a través das ilustracións realizadas por Marta Álvarez Miguéns, sobre a maldade de atesourar todo sen partillar nada cos demais.
A bibliotecaria Carmen Mata Cid, alén de me presentar, lembroulles que todos tres estaban no catálogo da Biblioteca Nodal de Pontevedra e, de feito, ao remate algún dos cativos levou os libros para ler na súa casa.
A tarde dominical no impoñente Auditorio Municipal de Cordeiro-Valga, que me obrigou a esforzar moito a voz até case enrouquecer, xuntáronse perto de vinte rapazas e rapaces, acompañados dos seus maiores. Na sesión tamén se narraron os mesmos tres devanditos contos, despois da breve presentación da bibliotecaria Beatriz Fernández Cajaraville, a quen lle agradezo que me fixese chegar as fotografías que ilustran esta anotación. Non todos quixeron subir ao escenario nin participaren das historias, mais houbo nenas e nenos ben espilidos que seguiron os argumentos e deron resposta atinada a todas as miñas preguntas.
E mentres haxa lectoras e lectores de pequena idade que consigan fuxir por un momento dos xogos en dispositivos móbiles e queiran ler en calquera formato, sempre haberá esperanza para a nosa cultura e a nosa lingua. Acredito, teño fe niso!

Esta entrada foi publicada en Contos, Encontros, Infantil, Poesía. Garda a ligazón permanente.