«Fidel e luminosa negra sombra», recensión de Armando Requeixo ao conto A pantasma da casa da Matanza


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Antonte o crítico e profesor Armando Requeixo, na súa bitácora Criticalia, publicaba unha recensión ao meu conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos, 2013), ilustrado por Xosé Cobas. Coa miña gratitude, reproduzo deseguida o texto publicado nesta anotación. Beizóns!
Fidel e luminosa negra sombra
Enviado o 9 Febreiro 2014
Se hai un enigma entre os enigmas na obra de Rosalía ese é o da Negra Sombra. Son incontables os escritos que se teñen dado a dilucidar o que tal poida ser esa compaña escura da que con tanto sentimento escribiu a poeta.
Unha nova e moi imaxinativa lectura é a que propón —en clave fantástica— Miro Villar no seu álbum infantil A pantasma da casa da Matanza, editado por Biblos con ilustracións de Xosé Cobas.
Villar fai protagonista desta súa historia en verso á propia Negra Sombra, que se reivindica como amiga certa da escritora e, en absoluto, negativa influencia para ela, senón todo o contrario, benéfica compañeira de angueiras e fidel baluarte nas horas baixas.
Este xogo hilozoísta consegue facer próxima ao lectorado máis novo esa intrigante realidade poética rosaliana, ao tempo que ilumina sobre outros aspectos do perfil humano da autora.
O longo poema de Villar remata cos versos da propia Rosalía na composición na que comparece a famosa Negra Sombra, un outro xeito de introducir o lectorado máis miúdo na literatura da xenial escritora.
Ao meritorio traballo de Villar cómpre sumar as delicadas e suxestivas imaxes que visten, a dobre plana, este relato en verso, editado con todo primor por Biblos Clube de Lectores e introducido por unha oportuna cita da composición “A casa dos poemas” do libro Nas hedras da clepsidra de Helena Villar Janeiro —tan rosaliana ela tamén— que orienta perfectamente o sentido deste valioso volume: “É bo ter unha casa, dixen daquela/ porque é poeta abril/ e canda as chuvias, canda as margaridas/ chegarán as palabras”.

Esta entrada foi publicada en Contos, Narrativa, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.