Feira do Libro ou mercado de zapatos

FeiradoLibro13-08-2013
(Artigo publicado na edición comarcal de Carballo, dixital e en papel, do xornal La Voz de Galicia)
Feira do Libro ou mercado de zapatos
Calquera persoa con sentidiño non podería imaxinar unha foliada ou unha verbena sen un grupo musical ou sen unha orquestra ou organizar unha festa do berberecho ou do longueirón só coas cunchas, pois ben esta xeira asistimos abraiados a unha Feira do Libro de Cee no que non haberá presentacións de libros e as actividades literarias ficaron reducidas ao excelente pregón do crítico e profesor Armando Requeixo (quen lembrou a súa primeira estadía na vila e rematou falando do poeta Díaz Castro, a quen se homenaxeou nas Letras Galegas), á presentación dunha revista da Universidade Cromática de Corcubión e a unha rolda de sinaturas que argallou de motu proprio a libraría Á lus do candil.
Ben sabemos que a parroquia lectora é pequena, ben sabemos que con certeza o pregón festeiro do televisivo Gayoso xuntou moita máis xente que toda a que percorrerá as casetas, mais autoras e autores, libreiras e libreiros e lectoras e lectores ben merecían o esforzo dun programa completo como o organizado o ano pasado, que daquela non dubidamos en parabenizar.
E mira que o tiñan doado só con botar man da creación da comarca, pois teñen novidades literarias Concha Blanco, María Canosa, Suso Bahamonde e Xosé Iglesias (todos catro de Cee), Suso Lista (Corme), Rivadulla Corcón (Muxía), Ramón Vilar Lavandeira (Cerceda), entre outros, aos que se podería xuntar a presentación da antoloxía sobre Evaristo Martelo editada na Ponteceso ou o último libro de contos de Xurxo Souto no que hai moita Costa da Morte.
Esta mañá principiou tamén a Feira do Libro de Viveiro, unha vila de tamaño semellante á nosa, coa presenza do dobre de casetas e, sobre todo, cunha programación paralela que inclúe, alén do pregón de Xurxo Souto, oito presentacións de libros, unha táboa de debate sobre novela histórica e unha contacontos infantil, para deste xeito dinamizaren a lectura e a presenza de público. Algo moi necesario para unha cultura que padece de maneira especial os rigores da crise económica.
E aquí a velas vir. Nos últimos tempos semellou instalarse na Costa da Morte a desidia e a nugalla, museos pechados ou que abren coa luz eléctrica cortada por impagamento, feiras do libro onde autoras e autores non poden dialogar co seu lectorado nas presentacións.
Andamos para atrás comas os cangrexos, e se cadra dirán que avanzamos.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Banda deseñada, Contos, Ensaio, Estudos literarios, Historia, Infantil, Literatura medieval, Narrativa, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.