Feira do Libro de Cee, do 1988 ao 2011


(Alameda de Cee, imaxe sen autoría e sen datar, anos trinta talvez, tirada do portal www.cee.costadamorte.net)
Por volta do ano 1986 un grupo de sete mozos “letraferidos” (ou amantes da literatura) constituímos o colectivo de poesía Un Medio e publicamos nos anos seguintes dous cartafoles en papel satinado que foron deseñados e ilustrados polo hoxe afamado arquitecto Xoán Creus Andrade. Cada un deles levaba textos poéticos da autoría de tres dos irmáns Creus Andrade, Humberto, o propio Xoán e un novísimo Estevo; de Xosé María Costa Lago; de Arturo Trillo Sendón; de Rafa Villar e de min mesmo. As publicacións foron subvencionadas pola Concellaría de Cultura de Cee, daquela en mans do mestre Xosé Cañizo Martínez. Pouco despois, do 14 ao 17 de xullo do 1988, celebrouse a I Feira do Libro de Cee na Praza da Constitución, coñecida popularmente como “A Alameda”. Pois ben, o primeiro día, xoves 14, ás sete da tarde, tivo lugar a presentación do libro Do Courel a Compostela de Uxío Novoneyra (a quen homenaxeamos o ano pasado nas Letras Galegas), que foi presentado polo poeta noiés tamén desaparecido Antón Avilés de Taramancos. Ao remate seguiu un recital poético no que participaron os dous autores citados, Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán Vello e “o grupo de xóvenes poetas ceenses Un Medio”, tal e como se sinala no programa. As hemerotecas non menten. E ningún de nós, daqueles mociños de Cee, poderá esquecer esta lectura nun palco e sendo “teloneiros” de autores que liamos e admiramos, pois era o noso bautismo de lume. Daquela aínda ningún de nós publicara un libro e mesmo aínda estaba lonxe de ser así. Algúns aínda non o fixeron, malia escribir moi ben. Xoán Creus publica libros de arquitectura, Xosé María Costa artigos e guías sobre micoloxía e Humberto se cadra é o que máis se afastou do mundo literario. No entanto, Artur Trillo centrouse na dramaturxia con Talía Teatro e publicou pezas teatrais e os tres restantes, Estevo Creus, Rafa Villar e mais eu levamos publicados varios títulos poéticos e tamén doutros xéneros.
Chegamos á Feira do Libro de Cee do 2011 e a historia xa se sabe como continúa, silenciamento absoluto para un autor local que leva publicados 6 libros de poesía, 4 de contos infantís, 2 de relato curto, 1 novela xuvenil, 8 estudos literarios sobre diversos autores galegos, 1 tradución, ducias de artigos en revistas de crítica literaria, con poemas en varias antoloxías e traducidos a varios idiomas, alén de ser convidado por varias universidades europeas. De toda esa obra, froito de moitísimas horas de traballo en silencio (porque así é a literatura), tres apareceron nestes últimos meses. Pois ben, todo este labor creativo nada lle importa aos organizadores da actual Feira do Libro. Madía leva!!!
Velaquí o poema de mocidade que se publicou no primeiro Un Medio (até hoxe nunca recollido en libro e do que conservo a grafía orixinal na normativa de “mínimos” coa que escribía daquela e con algún erro gramatical) e no que me sorprende a día de hoxe que xa facía uso do léxico do mar.
Habia humidade nas furnas dos meus ollos,
cabalos cristalinos a rebordar
o curral da nostálxia.
Habia un mar…, non, minto, habia un océano,
orfo de xerfas e rompentes,
degaxando-me as fazulas.
Habia un exército de bágoas coralinas
que en protocolária cerimónia
agallopaban na epiderme.
Habia un orballo de augas pretéritas
agochando a sua preséncia
nas enrugas do meu pel.
Cando rabuñei a carauta de pallaso
e o seu cínico sorriso plástico
e os seus iris marmóreos ausentes
e as suas meixelas de brancura etérea
e a sua pétrea e perenne moca
descubrin-me
derrubado
no espello,
chorando,
ensumido na sonatina dun pranto.
Habia ecos de risadas e gargalladas
estralando dende as tempas á caluga
e eu ensoberbecia ermos epitáfios.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións, Xornadas. Garda a ligazón permanente.