Facendo memoria da anada do 1998: un poemario e un estudo literario


Entre os traballos que están a ser recuperados polo portal poesiagalega.org (que hai pouco fixo o seu primeiro ano na rede como repositorio poético na rede, dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas, e arroupado polo seu equipo do GAAP) están as panorámicas poéticas que se publicaban no desaparecido, que editaba Galaxia.
A profesora titular de literatura galega e investigadora do Centre Dona i Literatura na Universidade de Barcelona, Helena González Fernández, asinaba a panorámica do ano 1998 co seguinte título: “Poesía: bos poemarios e modelos diversos” (Anuario de Estudios Literarios Galegos: 1998, Vigo: Galaxia, 1999, pp. 261-269).
No repositorio poesiagalega.org redactaron esta entrada:
«Balance panorámico da produción poética do ano 1998 que constata o recambio xeracional producido pola madurez creativa da xeración dos 90. A valoración global recoñece o bo momento da poesía galega, a confrimación dunha serie de tendencias xa imperantes (erotismo, narratividade, identidade, ficcionalidade, individualismo) e celébrase a aparición de libros singulares que propoñen novos camiños estéticos para o futuro. O balance comenta tamén as principais reedicións e escolmas aparecidas nese ano, así coma os textos gañadores dos premios máis importantes e os criterios cos que pareceron operar nas súas escollas as coleccións de poesía»
Helena González fai referencia a dous libros da miña autoría publicados nese ano, o poemario Equinoccio de primavera (Esquío, 1998) e a reedición que preparei de Orballo de media noite (Xerias, 1998) de Roberto Blanco Torres. Velaquí o pdf completo, do que saliento os dous fragmentos:
FORMAS DO CULTURALISMO
A cuestión do culturalismo e do clasicismo é un dos puntos que precisa unha
reformulación máis urxente, porque hai moitas maneiras de afrontar a revisión da tradición literaria e cultural que non se poden explicar acudindo ó concepto de culturalismo herdado. As imitacións e a gravidade deixan paso á parodia e ó xogo. Só Paulino Vázquez no seu A experiencia inglesa (edición do autor) abunda nunha revisión decadente das paisaxes literarias inglesas de fin de século. Pero o culturalismo tamén pode ser revisado á luz do vitalismo como fan este ano Miro Villar, o autor de referencia cando se fala da liña clasicista dos últimos anos, e María do Cebreiro, unha autora nova que se estrea este ano. Os seus dous libros avivecen o devandito debate sobre o clasicismo. E finalmente, o culturalismo, mesturado cun simbolismo mesto, pode ser usado dunha maneira ritual, como fai Anxos Romeo.
Miro Villar, que foi premio Tívoli Europa en 1997, ofrece este ano unha nova proposta de revisión do clásico, Equinoccio de primavera (Esquío). Empregando o soneto nas súas diferentes feituras, deconstrúe os tópicos culturalistas clásicos e algúns dos personaxes masculinos arquetípicos como Ulises, Adán, Teseo e actualiza os temas tradicionais da poesía clásica -o amor, a morte, o paso do tempo …-. A clave da proposta está na subversión do ton sen renunciar á forma, en acomodar no contemporáneo formas e temas clásicos e que non están de moda pero rexorden continuamente. Tamén Sechu Sende no seu primeiro libro, Odiseas (Letras de Cal, ofrece xogos paródicos semellantes nas súas reformulacións da viaxe mítica homérica. (…)
REEDICIÓNS E ESCOLMAS
Non foi o ano 1998 abundante en reedicións, agás no capítulo de literatura medieval pola dinámica editorial que xera o 17 de maio. A penas apareceron unhas poucas. María Pilar García Negro, responsable dalgunhas das edicións incluídas no coleccionable “A Nosa Literatura” (A Nosa Terra), é a editora de Poesía galega (Castro) de Valentín Lamas Carvajal, unha actualización da súa tese de licenciatura. Por outra banda, adiantándose á homenaxe a Roberto Blanco Torres do Día das Letras Galegas, do que aparece a reedición de Orballo de media noite (Xerais), preparada por Miro Villar, o que permitirá ler en moitos casos por primeira vez un libro filosófico e civil que tivo unha grande acollida no momento da súa publicación e que practicamente foi esquecida nos manuais. (…)

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.