#EuSonRosalía «Dúas sombras a parolar. Rosalía respóndelle a Miro Villar», unha proposta do Clube de lectura da Biblioteca do IES Xoán Montes (Lugo)

AsEstántigas
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Ao fío do hashtag, palabra chave ou cancelo #EuSonRosalía que propuxo a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para celebrarmos nas redes sociais o Día de Rosalía de Castro 2015, que lembra o 178 aniversario do seu natalicio, «convidando a centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todas as persoas que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana», fágome eco dunha marabillosa iniciativa xurdida, como non, no ensino público e que relaciona a obra da nosa Poeta coa miña propia.
O Clube de lectura da Biblioteca do IES Xoán Montes de Lugo realizou esta proposta de diálogo literario o curso pasado, en marzo de 2014, e publicouna no seu blogue As Estántigas e tamén na páxina de publicacións dixitais Calaméo da profesora Luz Paramio. Botaron man do texto do meu conto rimado A pantasma da casa da Matanza, ilustrado por Xosé Cobas e publicado por Biblos, e crearon un diálogo cos versos rosalianos.
Ofrezo deseguida a explicación do proxecto e o resultado pódese ollar na imaxe superior ou nesta ligazón.
A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar
A medio camiño entre o Día de Rosalía e o da Poesía – como non confundilas –quixemos poñer o noso gran de area dende o Xoán Montes lendo unha composición poética do escritor Miro Villar. Moi cedo, trala lectura, chegamos a unha conclusión esencial: que se o poeta se atreveu, de xeito talentoso, a facer pensar e falar á Negra Sombra de Rosalía na súa obra A pantasma da casa da Matanza, non iamos ser menos os das Estántigas en facerlle a réplica poñéndolle voz á autora que, aínda que desaparecida, tiña todo o dereito a dar a súa versión sobre aquel espectro que a rondaba. En consecuencia, puxémonos mans á obra na sesión do Club de Lectura, pasamos a escoller os versos máis significativos da obra de Villar e intercalámolos cos de Rosalía, a modo de resposta, da maneira máis axustada que puidemos. Mostramos a continuación o resultado, rogamos a benevolencia dos implicados e, deste xeito, sumámonos á homenaxe a Rosalía de Castro.

Esta entrada foi publicada en Contos, Narrativa, Poesía, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.