#EuSonRosalía A colectánea 150 Cantares para Rosalía de Castro en descarga de balde

150Cantares(1)
150Cantares(2)
150Cantares(3)
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
O poeta Suso Díaz, a quen parabenizamos pola iniciativa e polo seu excelente resultado, envioume a finais de 2013 unha mensaxe que incluía un convite para participar nun libro colectivo que glosaría os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Nos seus primeiros parágrafos aquela proposta dicía así:
Prezado/a poeta:
Teño o pracer de convidarte a formar parte da obra colectiva, que co gallo do 150 aniversario da publicación dos Cantares Gallegos, quero editar en formato dixital a xeito de homenaxe nacional.
O libro leva como título: 150 Cantares para ROSALÍA DE CASTRO
Recollerá 150 voces (poemas), de outros tantos poetas galegos contemporáneos. Se aceptas o convite, enviareiche unha estrofa dun dos seus poemas, e sobre eses versos (aparecerán en cursiva), terás que compoñer a túa obra, coa única particularidade de manter enteiros os versos. Polo demais: podes poñelos xuntos, imbricados no teu texto como mellor che conveña, ou como vexas que se adaptan á túa composición.
O poema será cedido desinteresadamente para esta publicación, que de ser dixital levará aparellada licenza Creative Commons (by-nc-nd).
(…)
Unha vez realizada a recolleita, nun traballo arduo e impagable de Suso Díaz, o coordinador intentou tamén a publicación en papel deste volume, porén «as nosas magníficas» editoriais coas que se puxo en contacto declinaron a oferta, sen argumentos ou argumentando que non podían publicar esta antoloxía polos elevados custos de produción, ao se tratar dunha obra de case 600 páxinas.
E hoxe, no 178 aniversario do natalicio de Rosalía de Castro, o volume converteuse nunha publicación dixital de libre descarga, en formato pdf, que se atopa hospedada na páxina da Fundación Rosalía de Castro. A colectánea está formada por 150 poemas e 151 poetas, 15 ilustracións de 16 artístas plásticos, introducidos por un prefacio de Ramón Nicolás e un limiar de Mercedes Queixas Zas.
Nas imaxes reproduzo a portada da publicación dixital e o meu poema, coa ilustración que o acompaña. E deseguida tamén ofrezo o texto:
A música do badalo de Toba
noites craras de luar,
muíño dos castañares,
campaniñas timbradoras
da igrexiña do lugar,
ROSALÍA DE CASTRO
Já ouvi doze vezes dar a hora
no reloxo da igrexa que hai en Toba,
música de badalo que enche a alcoba
e que estará comigo nesta aurora.
Non entendo o porqué desta demora,
de non saber de ti nin unha nova
mais non hai deste cuarto quen me mova
nin quero espreguizar polo de agora.
Prefiro apodrentar de sede e fame,
só desexo e cobizo un apetito:
ter o teu corpo espido a carón miña.
Retornar de contado ao lento exame
escoitando o tremor máis inaudito,
trabexando con forza cada liña.
Miro Villar

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.