Estranxeiro na miña pequena patria


Ninguén é profeta na sua terra, sinala o dito que evoca unha pasaxe bíblica. Ou tamén podería dicir “Estranxeiro na miña pequena patria”, facendo unha paráfrase do poema de Rosalía de Castro intitulado “Estranxeira na súa patria“, que se inclúe no libro II, ¡Do íntimo!, de Follas Novas. A sabedoria popular galega e a escrita literaria poderían servir para explicarmos un esquecemento ou un silenciamento da miña obra no lugar no que nacín, no que asenta a miña estirpe e no que vivín durante moitos anos e ao que aínda vou con moita frecuencia. Celébrase estes días a Feira do Libro de Cee e en ningún momento fun convidado a facer parte da súa programación, malia ser este 2011 un ano especialmente produtivo para min pois publicáronse tres libros da miña autoría: o conto infantil A cobiza do verme Noel en Galaxia, o poemario As crebas en Espiral Maior e a antoloxía do poeta Bernardino Graña Ser auga, darse en auga, que preparei para o Pen Clube de Galicia. Pois ben, non sei se por desinformación, o que sería grave, ou por premeditada discriminación, o que sería máis grave aínda, os poderes públicos locais desmerecen e ocultan a obra dun autor local, que leva o nome de Cee por moitos lugares, e dan importancia a outros que por aquí aparecen de xeito ocasional e mesmo sen ninguha relación coa nosa contorna. A verdade é que me asalta unha dúbida que non son quen de resolver: Terá que algo que ver esa actitude co feito de rexeitar o “Faro Nerio” de mans do aínda alcalde de Cee e presidente de Neria? En calquera caso están ben enganados se pensan que van silenciar a miña voz. Ao excelente suceso co que foi acollida a presentación do libro As crebas en Carral ou na libraría Couceiro de Santiago de Compostela seguiu o pasado venres o éxito de asistencia no acto de presentación que fixemos na confraría d’O Pindo e han seguir outras, como a que xa teño confirmada no “XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos”, unhas xornadas que se celebrarán na cidade de Salamanca os vindeiros 5 e 6 de outubro, organizadas pola Fundación Salamanca Ciudad de Cultura. Seica aló non van ter problemas para coñecer e divulgar a miña escrita literaria. Pola contra, canta ignorancia ou canta miseria moral hai na miña vila!!!
PS.: Tamén me chamaron dende o Concello de Carballo para presentar A cobiza do verme Noel na Praza dos Libros. Feira Literaria de Bergantiños, que se vai celebrar do 25 ao 28 de agosto, mais tiven que rexeitar o convite pois nesas datas aínda estarei de viaxe por terras de Cornualles coa xente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, entidade que vai estar na Feira do Libro de Cee para presentar varias novidades editoriais (dunha delas xa falei aquí), feito do que me congratulo e polo que teñen os meus parabéns.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Contos, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.