Esta bitácora premiada na XIII edición dos Premios AELG 2012 na categoría de Blogue Literario


(Crebas, fotografía de Manuel Sendón. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Obrigado, moitas grazas ás autoras e aos autores que lle veñen de outorgar a esta bitácora o recoñecemento de «Mellor blogue literario» na XIII edición dos premios da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) 2012.
Na breve alocución, antes de recoller a estilográfica de Graf von Faber-Castell e a fermosa peza escultórica creada para a ocasión por Álvaro de la Vega, expresei os meus parabéns para os outros dous finalistas nesta categoría, dous blogues amigos que sigo decote e que recomendo vivamente: Caderno da crítica, do crítico e profesor Ramón Nicolás, e Criticalia, do crítico e profesor Armando Requeixo. Comentei que esta bitácora évos cousa nova. Naceu o pasado 28 de xuño, o mesmo día no que desapareceu dos quiosques o xornal Galicia Hoxe e na primeira anotación expliquei os motivos da súa nacencia. Os tempos melloraron algo desde aquela e agora xa temos na rede novos proxectos na nosa lingua coma Dioivo, Praza pública e Sermos Galiza.
Tamén lembrei o maxisterio que sobre esta andaina exerceron en especial tres bitácoras: asuvasnasolaina, do finado amigo Marcos Valcárcel, brétemas do editor Manuel Bragado e trafegandoronseis da profesora Gracia Santorum.
E finalmente agradecín a existencia do proxecto blogaliza, que acolle a todos tres blogues finalistas deste ano, personalizado na Cea das letras de onte nos poetas Alfredo Ferreiro e Tati Mancebo.
Remato deixando testemuño de todos os premiados (en negra) e os finalistas, unha información que tamén podedes ler en medios de nós coma letraenobras, mundogaliza, prazapública ou sermosgaliza.

Premio de Narrativa: Antón Riveiro Coello (Laura no deserto)
-Finalistas: Xavier Queipo (Extramunde) e Agustín Fernández Paz (Non hai noite tan longa)
Premio de Poesía: Pilar Pallarés (Leopardo son)
-Finalistas: Estevo Creus (balea2) e Andrea Nunes Brións (Todas as mulleres que fun)
Premio Literatura Infantil e Xuvenil: Agustín Fernández Paz (Fantasmas de luz)
-Finalistas: Marica Campo (Noutra dimensión) e Fran Alonso (O meu gato é poeta)
Premio a Texto Teatral: Raúl Dans (Chegamos despois a unha terra gris)
-Finalistas: Manuel Guede (A función do tequila) e Inácio Vilariño (Fábula galénica)
Premio Ensaio: Mercedes Queixas Zas (Vivir, unha aventura irrepetible: Unha biografía de María do Carme Kruckemberg)
-Finalistas: Francisco Rodríguez (Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria) e Carlos Callón (Como defenderes os teus dereitos lingüísticos)
Premio á Mellor Tradución: Ramón Gutiérrez Izquierdo (Sonetos de Shakespeare)
Darío X. Cabana (Os trobadores de Occitania) e Lucía Caeiro (Versos Escollidos de Wislawa Szymborska)
Premio ao Mellor Traballo de Xornalismo Literario: Bieito Iglesias
Finalistas: Anxo Tarrío, Iago Martínez, Ramón Chao e Santiago Jaureguizar.
Premio ao Mellor Blogue Literario: Miro Villar (bitácora As Crebas)
Finalistas: Ramón Nicolás (Caderno da Crítica) e Armando Requeixo (Criticalia)
A AELG tamén fixo unha mención especial para os Equipos de Normalización Lingüística, que recolleu no seu nome Agustín Fernández Paz e concedeulle o Premio «Escritor Galego Universal» da AELG ao escritor José Luís Sampedro, quen non puido acudir ao acto por motivos de saúde, facéndose lectura dunha carta da súa autoría na voz do presidente da entidade, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias.

Esta entrada foi publicada en Contos, Ensaio, Estudos literarios, Infantil, Lingua, Narrativa, Poesía, Premios, Teatro, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.

5 respostas a Esta bitácora premiada na XIII edición dos Premios AELG 2012 na categoría de Blogue Literario

  1. Pingback: As crebas » Marcos Valcárcel (1958-2010), nome sobranceiro para o IES A Carballeira (Ourense)

  2. Pablo di:

    Parabéns Miro! Hai que celebralo! 😉

  3. chon di:

    parabéns!

  4. Moitísimos parabéns e moitísimas grazas pola alusión: os ronseis amplian camiño! Saúdos

Os comentarios están pechados.