«La vida te da sorpresas, sorpresas te da la vida ¡ay, Dios!…», repítese na fermosa canción «Pedro Navaja» do panameño Rubén Blades. Así aconteceu na tarde do venres cando recibín a chamada do amigo Xosé Manuel Lobato para me parabenizar porque esta bitácora fose nomeada como finalista na XIII edición dos premios da AELG 2012. En efecto, ao chegar á casiña e abrir a caixa dos correos electrónicos velaí estaba a mensaxe da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega coa resolución, que podedes ler ao completo nesta ligazón e que tamén reproduzo máis abaixo.
Obrigado, moitas grazas aos que confiaron nesta casa. Así a todo, a competencia vai ser dura xa que os outros dous nomeados son dous blogues amigos que sigo decote e que recomendo vivamente: Caderno da crítica, do crítico e profesor Ramón Nicolás, e Criticalia, do crítico e profesor Armando Requeixo. Os meus parabéns a eles tamén. De feito, confeso que penso exercer a miña posibilidade de voto, como membro da AELG que son, e nesta categoría vou dar o meu apoio a un dos meus contrincantes, aínda que ben o podería facer por ambos e dous.
Esta bitácora évos cousa nova. Naceu o pasado 28 de xuño, o mesmo día no que desapareceu dos quiosques o xornal Galicia Hoxe e na primeira anotación expliquei os motivos da súa nacencia. Os tempos melloraron algo desde aquela e agora xa temos na rede novos proxectos na nosa lingua coma Dioivo, Praza pública e axiña tamén Sermos Galiza.
Velaquí a listaxe de todos os finalistas segundo a nota de prensa da AELG:
Vinte e seis obras finalistas compiten polos Premios AELG 2012, que chegan á súa XIII edición
Os 417 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2011 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas
respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro 5 de maio en Santiago de Compostela.
Así pois, da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda resultaron finalistas:
Narrativa:
– Extramunde, Xavier Queipo, Xerais.
– Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
– Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Ensaio:
– Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais.
– Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a
hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
– Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes
Queixas Zas, Galaxia.
Poesía:
– balea2, Estevo Creus, Positivas.
– Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
– Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias.
Teatro:
– A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña.
– Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
– Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía.
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:
– Anxo Tarrío.
Literatura Infanto-Xuvenil:
– Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
– Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia.
– O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais.
Tradución:
– Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións
da Curuxa.
– Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
– Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas.
Mellor Blog Literario:
– As crebas, Miro Villar.
– Caderno da crítica, Ramón Nicolás.
– Criticalia, Armando Requeixo.
Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e Servizos de Normalización Lingüística dos concellos; e mais o Premio AELG 2012 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor José Luis Sampedro, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana; a AELG agarda contar coa súa presenza na Cea das Letras.