No Programa de Animación á Lectura «Compartimos a biblioteca coas crianzas» de Vimianzo


Hoxe, sábado 22, estarei ás 17:00 h. na Biblioteca Municipal da Casa da Cultura de Vimianzo para participar no Programa de Animación á Lectura «Compartimos a biblioteca coas crianzas», que organizou Nieves Lema, a Técnica de Cultura do Concello de Vimianzo.
Esta tarde hei presentar e contar para o público infantil os dous libros para esta idade que viron a luz nos últimos meses: A cobiza do verme Noel, unha historia de vermes ilustrada por Marta Álvarez Miguéns e que publicou Galaxia, e Rebelión na charca, outra historia de ras, sapos e salamántigas ilustrada por Ana Santiso e que publicou Sotelo Blanco.
Para as persoas que escribimos literatura infantil resulta fundamental poder partillar a nosa creación literaria coas crianzas, ao seren elas as destinatarias naturais (por moito que os libros llelos merquen persoas adultas: nais e pais, tías e tíos, madriñas e padriños ou os atopen nas bibliotecas escolares ou nas públicas municipais). Sempre gozo moito destes encontros, moito máis do que nas lecturas poéticas e apráceme atoparme coas atentas e espertas olladas, ás veces tamén moi pillabáns, das nenas e dos nenos que veñen a me escoitar.

Esta entrada foi publicada en Contos, Encontros, Infantil. Garda a ligazón permanente.